Breogán de Guisamonde, o Cabaleiro da Gaivota

1635

Eva Moreda Rodríguez
Fundación Caixagalicia, 1997
Idioma: Galego

Se ben é certo que as histórias artúricas, a chamada “Materia de Bretaña” na Literatura Galega, teñen unha tradición que se remonta atá a Idade Média, e que dende entón non deixaron de se producir relatos, novelas e poemas adicados ó mítico reino de Camelot, non é menos verdade que estes tempos que corren seica non son os máis axeitados para que alguén se atreva a resucita-lo pasado en busca de novas aventuras dos cabaleiros da mesa redonda, cando hai algúns exemplos de autores tan insignes adicados xa ó tema que poderían facer palidecer calquera intento dos ousados novos escritores.

E nombergantes, o libro que vos propoñemos ten esa ousadía, que hai que aplaudir. Trátase do conto gañador do concurso Rúa Nova de Narracións Xuvenís correspondente ó ano 1997, e en efecto a sua autora (unha asturiana que escribe en galego, para desesperación – supoñemos- dos governantes astures) non conta máis que con 17 anos, que se lle notan abondo á hora de prantexa-los argumentos, con aire un pouco de cómic, e con saltos que semellan máis ca elipses, curtes publicitários.

Breogán de Guisamonde é un cabaleiro de orixe galaica que un día foise, coma o príncipe Valente, á Corte do rei Artús na busca de aventuras e de ser investido membro da mesa redonda, para o que haberá de amosa-lo seu valor e intrepidez en non poucas probas ás que é sometido polo destiño. Ó seu favor conta cunha rara máxia, envexa do mesmísimo Merlín, e coa lenda que lle supón o ir sempre acompañado dunha gaivota, supoñemos que coma substituto do clásico loro dos piratas, se ben con máis fortuna ca estes.

As suas aventuras, simples pero importantes, relátanse de xeito moi breve, e sen entrar en detalles nin complexidades, ó xeito antigo, inda que lamentablemente non podo confirmar se isto se fixo a mantenta ou non.

Unha vez armado cabaleiro e recoñecido por todos coma o máis fero e valeroso dos cabaleiros da mesa redonda, “Sir” Breogán regresará á sua terra natal, onda a sua fermosa prometida, á que gardóu unha difícil fidelidade. Ó ser un relato tan curto (apenas 85 páxinas de letra grande e con moitos debuxos), quedamos sen máis novas do heroe, pero coido que por esta vez non-o lamentaremos. Un pequeno tomo, editado na colección “Nova 33”, que resulta recomendable coma lectura iniciática, pero non moito máis alá.

Total
Calificación
Artigo anteriorLa Ciudad Oculta
Seguinte artigoEsfera
breogan-de-guisamonde-o-cabaleiro-da-gaivotaUn pequeno tomo, editado na colección "Nova 33", que resulta recomendable coma lectura iniciática, pero non moito máis alá.