Esfera

1743

Título Orixinal: Sphere
Michael Crichton
Plaza & Janés, 1997
Trad. de Daniel R. Yagolkowski

Cando a película trunfa (ou iso din) polas salas de cinema, compre facer unha reedición das novelas nas que aquela está baseada, e este é o caso de “Esfera”, unha obra de Michael Crichton que mire vosté por onde, case ninguén sabía que existía até que algún productor de Hollywood descubriuna nun caixón. E nembergantes, non é tan vella (1987, ed. española do 89) como para non coñecela de antes. O cal resulta proveitoso, porque así non teremos que nos atopar con que os avances técnicos que adoita describir Crichton nas suas novelas inda non están tan desfasados coma para facer bulra de ordenadores de 4 bits que contactan vía satélite e cousas semellantes, coma pasaba en Congo.

En Esfera, Crichton dá un paso máis no seu habitual sistema de novelas ultradidácticas con algo de aventura, e nesta ocasión mergullámonos (nunca millor dito) no mundo da Psicoloxía, xa que o protagonista (que me perdoe o Ceo, pero maxínoo coa face de Dustin Hoffman, e iso que non vin a película, socorro) é ún deses psicólogos especializados en acougar ás víctimas de grandes accidentes e catástrofes diversas. O doutor Norman Johnson é chamado un día pola Mariña, pero non para se alistar, senon para formar parte dun grupo de civís que debe investigar e asesorar ó Exército verbo dun desacougante descobremento que ven de se producir no fondo do mar: unha nave espacial que leva atrapada entre os corais máis de 300 anos.

Como Johnson redactara de xove un informe sobre quen debían formar parte dun posible grupo de contacto humán cunha intelixéncia extra-terrestre, ese grupo está formado polas persoas que el mesmo designara: un matemático semellante de máis ó que logo atoparemos en Parque Xurásico, un biólogo, unha zoóloga e o mesmo Johnson. Os persoaxes son importantes porque toda a acción desenvólvese no fondo do mar (inda que nun princípio non estaba previsto, xa sabedes que se algo pode sair mal…).

A acción dá un xiro importante cando descubren que aquilo non é unha nave extra-terrestre, senon unha nave humán, que por lóxica foi lanzada no futuro, e leva alí soterrada baixo o mar vários séculos. O desacougante descobremento non é ren, cando descobren no seu interior un obxecto misterioso: unha enorme esfera. Ninguén sabe para que pode servir nin como se abre, pero cando alguén logra entrar nela, sae transformado e vólvese perigoso. O cal sinifica dobremente perigoso, tendo en conta que se encontran baixo o mar e sen poder sair á superfície, onde desenvólvese un terrible temporal que dura vários días.

Unha vez máis, quen semellaba máis inútil na situación é quen se volta máis importante, e o modesto psicólogo será quen se convirta no heroe da novela, na que Crichton xoga con conceptos importantes coma a posibilidade e circunstáncias dun contacto con vida extra-terrestre, a intelixéncia humán, a imaxinación, e cousas similares, que fan que unha vez máis, e inda que haxa a quen lle amole enormemente, un escritor best-seller sexa ó mesmo tempo un escritor de novelas non só entretidas senon filosóficamente interesantes. Ó igual que en “Parque Xurásico”, unha das suas millores novelas, Crichton acada un nivel moi destacable.