Polgara the Sorceress

1612

David e Leigh Eddings
Del Rey Books, 1997
Idioma: Inglés

Dende logo non esperaba te-la fortuna de atopar este libro, o último polo momento saído da factoría Eddings, tan só uns meses despóis da súa edición orixinal nos USA, pero xa se sabe: “se atopas un tesouro…”. Pois iso. Agora haberá que cruza-los dedos coa traducción, para que non nos fagan a mesma “xogada” que coa triloxía dos Tamuli, publicada con tal sixilo que seica ata decatouse o porteiro da Editorial.

Cando Eddings rematou de escribi-la súa saga de Belgarath, composta por 10 tomos, aló polo 1991, non só se convertira nun home rico, senon ademáis nun novo ídolo dos afeccionados á fantasía en todo o mundo. As súas obras foron, como era de agardar, minuciosamente revisadas, os seus mundos investigados con lupa, os seus persoaxes unha e outra vez representados… en fin, nacera a “Belgarathmanía”. Eddings continuou escribindo fantasía, pero non regresou ós reinos do Oeste nin a Mallorea, mália ás anceiosas peticións de millóns de fans, especialmente nos Estados Unidos. Nembergantes, o fenómeno “fan” dexenerou (ou se cadra “progresou”, dirán os máis acérrimos) en fenómeno “freak”. Abonda con botar unha ollada ó que se di e comenta no fóro de novas da Internet adicado a David Eddings: rec.fans.eddings.

E daquela, chegou a salvación. Dous novos tomos, adicados en exclusiva ós lectores, e que se supón que completan os ocos deixados nas anteriores sagas, as explicacións non aclaradas, e os mistérios sen resolver dos persoaxes principais, Belgarath e a súa filla Polgara. Nas nosas mans está o segundo, “Polgara the Sorceress” (Polgara a Feiticeira), que sen dúbida é o máis revelador de ámbolos dous. Escrito conxuntamente coa súa muller, Leigh, Eddings dá renda solta ás súas novas concepcións da fantasía exploradas últimamente nas sagas, máis recentes, de Ellenia e os Tamuli. Así, atoparémonos con persoaxes moito máis humáns, e tanto, que ás veces máis ca unha novela de fantasía semellará un libro de contos infantís.

O interese amosado por Eddings de ve-los seus própios mundos dende un punto de vista feminino resultou ser desbordante. A sensación de que a tódalas conversas sóbralles unha frase, que tódalas escenas poderían resolverse igual pero con moitas menos palabras, xa que ó cabo hoxendía ninguén cobra polo número de páxinas, e Eddings menos ca ninguén, faise abrumadora. Ó millor é por iso de que as mulleres son máis falangueiras e preocúpanse por detalles nímios que Eddings semella emperrado en nos amosar.

Polgara ten ideais feministas, é caprichosa e bastante conservadora no moral. A muller ideal, supoñemos. A súa história de desencontros co seu pai (que aquí resultan por fin explicados dende a súa orixe) resulta sospeitosamente digna dunha novela rosa de Danielle Steel, por non falar da súa afectada paixón por Ontrose, o cabaleiro que logrou conquista-lo seu corazón por primeira vez, o xeito no que tratou de sobreleva-la morte da súa irmá Beldarán, ou como converteuse na Duquesa de Erat e adicouse a democratiza-lo mundo feudal.

Quen lera as Crónicas de Belgarath coñecerá exactamente o que vai pasar en cada páxina de “Polgara the Sorceress”, pero esta vez en lugar de se contar dende o punto de vista supostamente neutral do narrador, será un relato en primeira persoa, de tódolos feitos acaecidos até chegar ó intre no que precisamente comezan as Crónicas: os seus tres mil anos de vida, en case 800 páxinas moi densas, pero co toque sempre presente en Eddings da súa adictividade e sinxeleza de lér (en inglés, of course) e mália o toque “rosa”, interesante até o derradeiro intre.

Talvez este tomo da história do mundo contado en primeira persoa por Polgara sexa exactamente o que estaban agardando os máis fanáticos lectores de Eddings (a quen de vez en cando o autor non aforra críticas e comentários irónicos ó longo do libro, quizáis botándolles en cara o seu excesivo afán de coñecer detalles), pero os que sinxelamente gustamos de lér novelas de fantasía e non agardamos unha explicación de todo até o derradeiro aceno, os que, ó cabo, tamén gostamos que fiquen algúns puntos escuros, reservados ó mistério e ó maxín do lector, coidamos que este libro podería non escribirse nunca, e non por elo chorariamos. Non demasiado.

Total
Calificación
Artigo anteriorEsfera
Seguinte artigo3001: Odisea Final
polgara-the-sorceressTalvez este tomo da história do mundo contado en primeira persoa por Polgara sexa exactamente o que estaban agardando os máis fanáticos lectores de Eddings.