Título Orixinal: 3001: The Final Odissey
Arthur C. Clarke
Plaza & Janés, 1997
Trad. de Eduardo G. Murillo
Ben, unha boa dose de hard sci-fi! Xusto o que precisaban as nosas neuronas após de tanta space opera e tanto lixo seudocientífico de obrigada admiración. Este libro, do que vos presentamos hai un ano un adianto en NOVA, chegou ós estantes das librerías no nadal e vendeuse millor có champán. O certo é que había moito tempo que un libro de Clarke non vendía tanto, e os da saga de 2001 xa comezaban a se poñer algo pasadiños, así que a este se lle esixiu moito. Cumpriu? Imolo ver…
Estamos no ano 3001, e unha nave na órbita de Neptuno, que se dirixía a “cazar” un cometa, a fin de obte-lo seu auga para terraformar Venus, atopa por casualidade un astronauta frotando no espácio. Trátase de Frank Poole, perdido nunha das novelas anteriores da série, nunha desas trasnadas que adoitaba facer HAL. A obra xirará ó redor de como será o mundo dentro de mil anos, e de como terá que adaptarse Poole para non ser considerado unha espécie de monstro entre os seus novos contemporáneos.
O certo é que se temos que fiarnos da palabra de Clarke, os avances máis importantes serán un xigantesco anel que xira ó redor da Terra, igual cos de Saturno, pero artificial, por suposto, e unido ó noso planeta por catro torres que chegan atá el. Ademáis, teremos uns “cascos cerebrais” cos que seica aprendelo todiño será cousa dun par de minutos (e de paso, que o Estado tamén o aprenda todo encol de nós). O outro toque clarkiano é o seu curioso pero predicible apaixoamento no tocantes ás relixións, que seica desaparecerán, convertidas nunha caste de enfermidade mental.
E o argumento? Aparte de explicar como é o futuro, e de facer diversas prediccións que logo o mesmo Clarke tenta xustificar nun longuísimo epílogo, hai moi pouco máis. De feito, case nada. Só cinco ou dez páxinas para nos dicir que aquel famoso monolito negro agora seica non era máis ca un superordenador que absorbeu a Dave Bowman e a HAL, creando un novo ser, “Halman”, que inda mantén algunha parte de humán, inda que non demasiado. Ese monolito agora decediu que a espécie humán non merece seguir vivindo, e tomou a decisión de nos destruir. Por sorte, e coa axuda dos xa inevitables virus informáticos, que aparecen últimamente até na soupa, poderemos vencer ó malvado monolito negro, inda que só por mil anos, o que dá pé a unha máis ca previsible continuación da saga.
Co paso dos anos, Clarke foi facendo unha ciéncia ficción tan “hard” que agora fica pouco de ficción e case todo é ciéncia. As súas novelas carecen xa de persoaxes, supoñemos que nunha espécie de evolución natural que moi cedo convertiráas en meras sinopses ou informes técnicos para deleite dos científicos máis sesudos e decepción dos seus incondicionais admiradores, eses mesmos que lle apoiaron últimamente durante o seu conflicto coas autoridades ceilanesas e ós que semella emperrado en aburrir.
Como documental, 3001: Odisea Final é merecente dun prémio deses que poderían dar en “Documentos TV”, pero como novela é un desastre. Asimov estaría orgulloso dela, e con iso fica dito todo.