H.P. Lovecraft
Editorial Necropress, 1991
Idioma: Inglés
Do mesmo estilo có anterior, este pequeno tomo contén dúas histórias de vários autores, entre os que se atopa H. P. Lovecraft, sendo ademáis o seu anaco o millor de todos, escrito con ocasión do terceiro aniversário da revista Fantasy Magazine en 1935, cando dita publicación encargou a dez autores distintos, cinco de terror e cinco de ciéncia-ficción, que escribisen un relato, do que tan só lles deu o título: “The Challenge from Beyond” [“O desafío do alén”].
Entre os de terror certamente atopábase Lovecraft, e xunto a C.L. Moore, A. Merrit, Robert Howard e Frank Belknap Long encheron unhas follas para compoñer un relato difuso e no que ben pouco se podía facer após dun desafortunado início a cargo de Moore, inda que Lovecraft tentou amañalo o millor posible.
Pola súa banda, o outro relato, composto por Stanley Weinbaum, Donald Wandrei, Edward Smith, Harl Vincent e Murray Leinster, nun tón máis supostamente científico, aborda o mesmo título dende unha perspectiva diferente e se cadra algo máis acertada no comezo, inda que logo igualmente errada.
Non é, loxicamente, doado compoñer un relato entre cinco autores que non se puxeron previamente de acordo, especialmente cando algúns deles carecen da calidade abondo como para que os seus nomes sexan escritos canda os de grandes figuras.