Regreso a la casa Usher

1449

Tít. Orixinal: Return to the House Usher
Robert Poe
Ed. Plaza & Janés, 1997
Trad. por María Eugenia Ciocchini

Atopei este raro exemplar algo despóis de lér unha crítica furibunda contra del, e coma é o meu costume, sen encomendarme a ninguén, desprecei o contido daquela recensión, e non só merquei o libro, senón que tentei lelo con obxectividade. Pero é máis doado dicilo que facelo. Após das primeiras páxinas, moi cedo ún decátase de que está ante un pastiche pouco apetecible, no que o autor, tan só coa ousadía do seu apelido, lanzouse á aberrante tentativa de “poñer ó día” nada menos que a Edgar Allan Poe.

En efecto, Robert Poe, autor deste libro, é, alomenos iso afirma el, un descendente por liña non directa de Edgar Allan (quen non tivo fillos), e, aproveitando esa circunstáncia, escribe un libro no que mistura realidade e ficción e a obra de 1839 coa de 1993, para unha vez obtidos estes saborosos ingredentes, estraga-lo pastel e oferecernos unha ola de sapos crús. Como é posible? Pois seica o é, porque Robert Poe non é que non chegue ó nivel dos zapatos do seu antepasado, senón que non lle chega ó nivel da sombra.

O relato baséase no suposto de que un descendente de Poe vive e traballa na mesma vila onde estaba situada a Casa dos Usher, onde un amigo de seu pídelle un día que vaia axudarlle. Ou sexa, igual ca no conto de 1839. Pero no moderno, o protagonista é un escritor con problemas coa bebida (non moitos, coido, porque pasa o día conducindo bébedo e non se escachou contra unha árbore nin unha vez), namorado de dúas rapazas, a parva e a inda-máis-parva, e que ten que loitar contra os clásicos malvados, xente ligada á máfia que quere facerse cos terreos onde hoxe atópase a casa dos Usher, reconstruída sobre a esnaquizada en 1839.

Seguindo as liñas principais do conto, esta novela vai tentando segui-lo fío da narración, engrosando os ócos e enchendo as partes que Robert Poe consideraba non explicadas, para facer un bonito pastel dos que lle encantarían a xente coma Sprague de Camp ou Derleth, ou sexa, que de tan trillado que nolo deron, xa non tén grácia ningunha, non hai un verdadeiro ambiente de terror, e a solución é desas que só se ven nos debuxos de Scooby Doo, cando ó cabo o malo resulta se-lo gardián do vello parque de atraccións.

O dito, que cando ún lé unha crítica negativa, debería facer máis caso, pero xa sabedes que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma novela.

Total
Calificación
Artigo anteriorThe Challenge from Beyond
Seguinte artigoRitos Iguales
regreso-a-la-casa-usherA solución é desas que só se ven nos debuxos de Scooby Doo, cando ao cabo o malo resulta ser o gardián do vello parque de atraccións.