Carlos Vila Sexto
Edicións Xerais
Terceiro libro, após de Alén da Aventura e Gárgola (xa comentado en NOVA) deste xove escritor coruñés de poderoso talento e pruma doada, que cun pouco de sorte inda nos poderá seguir ofrecendo moitas novelas máis coma esta durante moitos anos, atá que alguén lle convenza para que deixe de escribir “para nenos” e se adique a “cousas sérias”.
Nesta ocasión temos, de novo ambientada nalgún punto inconcreto do médio oeste dos Estados Unidos, a unha família que marcha de vacacións, dirixida por un pai ex policía e unha nai que lle consinte de case todo, una filla pequena e un xove fillo de intelixéncia esperta, que será quen narre a história. A família chega a unha pequena vila, chamada Nova Israel, onde a xente semella estar toda aparvada ou se cadra algo peor.
Non son ben recibidos, e debido á tormenta que lles trouxo a este sítio por equivocación, deben ficar atá que a estrada sexa despexada. Pero no mundo interior da extraña aldea, que non figura en ningún mapa, hai cousas que só poden ser explicadas acudindo ós soños que comeza te-lo rapaz protagonista…
En Cara á fin da luz atopamos tódalas constantes de Vila Sexto: novela de terror, situada nos Estados Unidos, imitación do estilo de Stephen King, e un terror baseado nunha lonxana ameaza (se cadra demasiado lonxana) que nunca chega estar demasiado preto dos protagonistas, atá que xa é tarde de máis, e se lle fai fronte nunha escena de acción.
Para crear un ambiente de terror auténtico, psicolóxico, é necesário penetrar moito máis nas mentes dos persoaxes, coñecelos máis a fondo, deténdose nas descripcións dos lugares e das súas circunstáncias, se cadra atá nos elementos irrelevantes do decorado, e todo isto é o que intenta Vila Sexto.
Inténtao, pero só o consigue a médias, semellando unha novela resumo doutra, na que non fallan nemnbergantes algunhas incongruéncias, froito da pruma áxil dun escritor novo, e na que o terror real só aparece en contadas ocasións. Inda con todas estas circunstáncias, é unha leitura moi aconsellable e que de seguir por esa liña, dará moito máis de si no futuro.