Ana María Matute
Editorial Espasa, 1998
Idioma: Castelán
A pouco da súa aparición no mercado o ano pasado, esta novela foi rapidamente considerada coma un clásico e a obra mestra de Ana María Matute. Se cadra, nós iremos un pouco máis lonxe e ímola considerar tamén unha das obras mestras da fantasía en español, ou se cadra, a máis importante de todas, xa que non hai moitas máis onde se poida escoller, por desgrácia.
Merece todos estes elóxios Olvidado Rey Gudú? Por suposto. Trátase dunha novela moi extensa, por certo, pero esencialmente cunha soa definición: fantástica. Non é que “conteña algúns elementos fantásticos”, coma dixeron algúns críticos moi ousados, senón que é totalmente fantástica. Fantasía heroica, se cadra, pero fantasía ó cabo.
Situada nun reino fantástico ó estilo clásico dos contos, salferida de referéncias históricas que a fan inda máis brillante, Matute introdúcenos nun mundo de conto no que o protagonista é o xove rei Gudú, contando a história dende o comezo do seu reino, Olar, dende que só era un condado, pasando polo seu abó, e o seu pai, sendos reis brutais e salvaxes nun mundo de fronteiras difusas onde a brutalidade é a única lei.
Conta con persoaxes absolutamente memorables: o Trago do Sul, ese demo que se volve demasiado humán por mor do viño e do amor á xente, o vello mestre, a raíña Ardid, se cadra refrexo da própia escritora, a marabillosa princesa Tontina, a quen lle tentaron arrinca-la súa nenez demasiado de súpeto, o príncipe Once, os extraños príncipes Almíbar e Predilecto, os únicos homes que non gostan da guerra e a violéncia, a raíña Leónia… todos eles representando os seus papeis nun universo onde se presinte sempre a tristura de fondo, esa sensación de que mália as súas emocionantes aventuras, todos semellan esquecer algo, se cadra o máis básico, e que cando o atopan, non saben manexalo, non-o dan entendido e rematan por destruílo (a morte de Tontina e Predilecto).
O fondo de todo é a perda da infáncia, unha perda irremediable pero violenta e cruel, na que moito ten que ver esa decisión da raíña Ardid de lle quita-lo corazón ó seu fillo Gudú, para que non poida amar, pero sendo ela mesma tan só o froito da campaña de conquista do rei Volodioso, con quen rematará casando, e do que vivirá só para se vingar.
Por suposto, pode haber algún anormal que após de lé-lo libro pense que só era unha novela de aventuras medievais. Coma dicía Lex Luthor na película Superman, “hai quen lé Guerra e Paz e pensa que só era unha novela de aventuras. Outros len o envoltório dun chicle e descobren os segredos do Universo“.
Olvidado Rey Gudú é unha das millores novelas xamáis escritas en castelán, e por moito que lle doa á crítica española, será sempre un puñal cravado no seu corazón, porque é unha obra de ficción fantástica. Non podía ser máis axeitado.