Francisco José Súñer Iglesias
http://www.lokekieras.es/personales/fjsi/varios/elpecio.zip
Idioma: Castelán
Comentamos nestas páxinas a novela escrita polo xove autor Súñer Iglesias, que mantén ún dos sitios web máis recomendables da Internet adicados á ciéncia ficción en español. E entre outras moitas cousas interesantes que pdoeredes atopar por alí está esta novela, El Pecio, de título enigmático e contido moi atraínte. Calquera a pode baixar, sinxelamente facendo un link ó enderezo electrónico, e collendo o arquivo en formato ZIP, que contén unha presentación en linguaxe HTML para a facer máis atraínte ó lector.
O seu argumento xira ó redor dunha nave espacial, adicada á recuperación de pecios. Que é un pecio? Ben, e que conste que nós tivémolo que mirar no diccionário, son os restos abandoados dun naufráxio. Iso é o que anda a buscar unha tripulación que semella moi heteroxénea, composta por tres homes e dúas mulleres, e que na derradeira singradura do seu capitán, deberá facer fronte a un pecio especialmente extraño, algo tan novo que por si mesmo creará unha nova caste de pecios.
Seica é unha xigantesca nave alieníxena, abandoada hai moito tempo, inda que tamén conteña algo de vida no seu interior, que non chegan explorar a fondo debido ás disputas que xurden entre os membros da tripulación: Carla, a fría tripulante que fai a súa primeira e se cadra derradeira viaxe, o desconcertante Raúl, o capitán Overend, tiránico e sempre de mal humor, e curiosamente, o que seica resulta máis humán de todos é o case psicópata Jennes.
O relato está enchido de diálogos, con pouca acción e moito diso que se chama “bad language”, así que non é recomendable para mentes en exceso sensibles. De feito, na novela non é tan importante o que acontece coma os persoaxes en si mesmos, as súas relacións e o seu xeito de afrontaren os problemas. Súñer tenta tecer unha engrela amosando unha série de cartacteres que semellan opostos, e que ó cabo non chegan a acordo ningún, polo que seica non hai moralexa final.
Pero todo isto só acontece en apariéncia, xa que se rañamos un pouco na superfície, tódolos persoaxes son só parte dunha mesma mentalidade e ó cabo todos se comportan do mesmo xeito, previsible unha vez teñamos comprendido o seu carácter especial. As persoalidades que semellaban contraditórias, mesmo atá cair no cliché, só son partes dun conxunto no que hai pouca diferéncia entre eles, sen que caiba a sorpresa no tocantes ó seu comportamento.
En resumidas contas, e mália a dificultade da lectura perante a pantalla do ordenador, un relato longo ou novela curta que resulta entretido, e se cadra, e deixando á parte á “soap opera” da que tanto gostan moitos escritores, é representativa da ciéncia ficción española na actualidade.