Frederik Pohl
Tradución de Pilar Giralt
Ultramar, 1987
Idioma: Español
Nunca está de máis dar un repasiño ós vellos clásicos, que son tan recomendables, e inda máis, cás novidades que van aparecendo no mercado editorial. E entre os da CF, seguramente aparecerá en tódalas listas dos millores de tódolos tempos esta obra de Frederick Pohl, da que xa pouco se pode contar.
Para os que non-a coñezan, dicir que o argumento xira ó redor dun aventureiro, nun mundo futuro, que decide deixa-las minas onde traballaba para irse a “Pórtico”, un lugar onde os perigos son moi grandes pero as posibles recompensas inda maiores. A súa laboura consiste en ir a explorar novos mundos a bordo dunhas naves extra-terrestres descubertas hai xa moitos anos nun asteroide e que inda non se sabe moi ben como funcionan.
O único que se sabe delas é que ún sube, dalle a uns botóns, e aparece após dun tempo noutro lugar. E ese lugar pode estar xa descuberto o non, pode ser un lugar que pague a pena explotar ou non, e pode mesmo ser un lugar tan inhabitable coma un sol ou un burato negro, polo que moitos nunca regresan, ou volven mortos. O noso protagonista non é ningún heroe. É, de feito, un covarde. E non se atreve a marchar nunca. Nembergantes, a preséncia dunha guapa compañeira poderá facerlle mudar de ideia…
Unha história non só conmovedora, senón épica e magnífica. Unha obra de ciéncia ficción que ningún afeccionado debería perderse xamáis, pero que na nosa edición en español (mercada a prezo de saldo) é un auténtico desastre. A tradución é lamentable, as expresións utilizadas soan a chinés, e as erratas e mesmo faltas de ortografía son tantas e tan numerosas que é imposible pensar que se deban só ós “trasnos da imprenta”. Resultado: que unha obra maxistral fica convertida en lixo por mor dunha edición penosa.