Terry Pratchett
Tradución de Cristina Macía
Plaza & Janés, 1998
Idioma: Español
Cuarto e polo de agora derradeiro tomo da colección que a editorial Plaza & Janés está a adicar ó autor Terry Pratchett, un escritor con grandísima sona en Inglaterra e nos USA, pero que aquí non acaba de coallar, entre outras cousas porque é case descoñecido. Non será, dende logo, pola súa falla de calidade nin de argumentos positivos para se achegar ás súas obras, sempre cheas dunha fantasía e un humor desbordantes.
E ámbalas dúas cousas non fallan tampouco á súa cita nesta novela, “Mort“, adicada a un dos persoaxes que sempre aparece nas obras de Pratchett: a Morte. A história xira ó redor de Mort, un rapaz aparvado dunha aldea, “que non podería atopa-lo seu próprio cú nin inda que o buscase coas dúas mans”, ó que o seu pai deixa un día coma aprendiz da Morte nunha feira. E a Morte adóutao case coma fillo de seu, presentándolle á súa outra filla adoutda e ó seu fidel mordomo, un vello meigo que hai anos desapareceu da Terra e ó que lle adicaron unha estátua na Universidade Invisible.
O erro do pequeno aprendiz será cando un día teña que ir busca-lo alma dunha guapa princesiña que vai ser asasinada por un mercenário. Daquela, decide levarse a ialma do asasino e así deixar á princesa viva. Pero a Morte só cumpre co seu papel no Destiño, e así resultará que esa pequena decisión de Mort vai trastocar por completo os libros de história e toda a civilización.
Coma sempre, entre risas e bromas, Pratchett propónnos un pequeno xogo de pensar, no que teñamos que tomar parte, e no que ó cabo nos decatemos de que mesmo os malvados teñen o seu lugar neste mundo. Un libro moi bó e moi ben escrito, no que non faltan pequenos erros de traducción, pero que son, abraiantemente para o que adoita ser habitual, moito menos ca noutros libros.