C.J. Henderson
Tít. Orixinal: This world our Hell
Tradución: Aurora Echevarría
Plaza & Janés, 1993
Idioma: Español
Xa sei o que ides dicir: por que leo estes libros se son tan malos? Pois porque xa os tiña comprados e non-os podía devolver. Supoño que esa é a peor parte deste asunto. Ún non pode devolver os libros se non lle gustan, coma se fai coas chaquetas, e por iso supoño que sería xusto esixir un mínimo de calidade, ou alomenos unha certa e xusta relación prezo-calidade.
Un rapaz morre despezado no bárrio chinés. A súa nai, unha vidente con fama de meiga, asegura que o culpable é un vampiro, e vai pedir axuda a Teddy London. Como seica este non lle fai moito caso, marcha do seu despacho, pero ó pouco, ela tamén é espantosamente asasinada, polo que London muda de ideia. O seu primeiro encontro cos malos non deixa lugar a dúbidas: son vampiros, pero morren a mans do imbatible heroe. nembargantes, hai moitos outros agochados en New York, e agora deciden aliarse para matar ó detective…
Se vos lembrades do anterior (mal feito), saberedes que remataba cando o señor London se desfacía dun monstro igualiño a Cthulhu, coa axuda dunhas refinerías de petróleo, e que de paso se cargaba a oito millóns de persoas. Pois ben, seica non tivo abondo, e agora é cando comeza a lle coller gusto á cousa.
Os vampiros son os seus monstros favoritos, e ademais uns vampiros moi especiais, que máis ben semellan membros dalgunha seita, ou seguidores dalgún clube de motos. Lémbranme moito ós gangsters d’Os Simpsons, polo lugar onde se agochan e polo seu xeito de se falaren, pero iso non quere dicir que non segan a se-lo de sempre con este autor: uns malos de pacotilla, mestura dos clicks de Famóbil e a pior tradición do pulp americano.