Os creadores de Halo abandoan Microsoft

0
223

Halo 3Bungie Studios, a empresa que creou en colaboración con Microsoft a exitosa saga de videoxogos Halo, ven de anunciar que volverá funcionar coma compañía independente, ainda que seguirá colaborando estreitamente co xigante informático.

Microsoft manterá unha pequena participación na nova compañía, e seguirá publicando as novas entregas de Halo que poidan producirse no futuro. Bungie, en todo caso, anúncia xa a sua intención de non se centrar únicamente na produción de títulos para a Xbox 360 (que pertence a Microsoft), e lanzará xogos tamén para outras plataformas.

A empresa de Bill Gates mercou Bungie en 2000, nun intre no que preparaba o lanzamento da primeira versión da sua consola Xbox e precisaba dar-lle púlo á súa liña de videoxogos.

Sete anos despois, Halo 3 converteu-se, segundo fontes da mesma compañía informática, no videoxogo que máis vendeu nos seus primeiros días nas tendas. En tan só unha semana (o xogo chegou ás tendas de todo o mundo o pasado mércores) compraron-se unidades de Halo 3 por valor de 300 millóns de dólares, uns 212 millóns de euros.

Un xugoso pastel do que Microsoft non quere desprender-se. Manterá a propiedade intelectual do xogo, ao tempo que apoia “o desexo de Bungie de volver ás suas raíces independentes“, segundo explicou o presidente da división de xogos da compañía de Redmond.