A escritora inglesa Doris Lessing é a gañadora do Prémio Nóbel de Literatura 2007, segundo ven de anunciar a Académia Sueca.
Doris Lessing naceu o 22 de outubro de 1919 en Kermanshah, Pérsia (actualmente Irán), e é filla de pais ingleses. O seu pai, oficial do exército inglés, foi vítima da Primeira Guerra Mundial, na que sofriu graves amputacións. Cando contaba con seis anos, a súa família, atraída pola promesa de facer fortuna cultivando millo, tabaco e cereais, trasladou-se a Rhodésia, unha antiga colónia inglesa, hoxe Zimbabwe, onde pasou a súa infáncia e mocidade.
En loita constante con súa nai, Doris desexando fuxir do seu autoritarismo abandonou aos quince anos os seus estudos, que proseguiu de maneira autodidacta, e púxo-se a traballar coma auxiliar de clínica. Frustrada polos desenganos dalgunhas aventuras amorosas pasaxeiras, empezou a escribir as suas primeiras novelas plagadas de pantasmas, das que vendeu dúas a unhas revistas sudafricanas.
En 1939, cando tiña 19 anos, casou cun funcionário, Frank Wisdom, co que tivo dous fillos. En 1943 divorciou-se e uniu-se a un grupo de ideias comunistas. En 1944 casou por segunda vez, con Gottfried Lessing, co que tivo o seu terceiro fillo.
A obra de Doris Lessing ten moito de autobiográfica, inspirándo-se na súa experiéncia africana, na súa infáncia e nos seus desenganos amorosos e políticos. Adoita tratar temas coma os conflitos culturais, a desigualdade racial, a contradición entre a consciéncia individual e o ben común. En 1956, os governos racistas prohibíron-lle a entrada en Sudáfrica e Rodésia.
Nos anos 70 e 80, Lessing comeza a explorar outros eidos, animada polo remate case místico do seu persoaxe Anna Wulf en O caderno dourado, a súa novela máis famosa, e polo de Children of Violence. A súa “ficción espacial interior” trata de fantasías cósmicas (Briefing for a Descent into Hell, 1971), paisaxes de ensoño e outras dimensións (Memoirs of a Survivor, 1974), e análises en clave de ciéncia-ficción de outros planos da existéncia (Canopus in Argos: Archives, 1979-1983). Todo isto reflicte o interese de Lessing dende os anos 60 en Idries Shah, autor cuxos escritos sobre misticismo sufí enfatizan a evolución da conciéncia e a crenza de que a liberación individual só pode chegar se a xente comprende os vencellos entre o destino de seu e mais o da sociedade.
Doris Lessing converteu-se nunha escritora de ciéncia-ficción case exclusivamente coa súa saga de 5 tomos Canopus in Argos. O primeiro libro da série, Re: Colonised Planet 5, Shikasta, foi publicado en 1979. O cuarto, The Making of the Representative for Planet 8, mesmo foi adaptado por Philip Glass e convertido nunha ópera, con libreto da autora.
Este xiro de Lessing cara á ciéncia-ficción non foi ben acollido polos críticos, aos que respondeu que do que non se decatan [os críticos] é que na ciéncia-ficción está algunha da millor ficción social do noso tempo. E tamén admiro a ciéncia-ficción clásica, coma a de ‘Blood Music’ de Greg Bear. É un grande escritor.
O ano pasado, nunha conferéncia que ofreceu en Segóvia (España), dixo: A conciéncia no mundo que vivimos téñena os científicos, e nembergantes, non queremos escoitalos. Lessing defendeu a literatura de ciéncia-ficción para tratar as circunstáncias e os problemas do mundo actual: A fantasía é o millor vehículo para falar do mundo que nos rodea.
O Nóbel de Literatura está dotado con 10 millóns de coroas suecas (1,1 millóns de euros) e entregará-se xunto ao resto dos galardóns o 10 de decembro, no aniversário da morte do seu fundador, Alfred Nobel. A Académia calificou a Lessing de autora épica da experiéncia feminina, que con escepticismo, paixón e poder visionário someteu a unha atenta ollada a unha civilización dividida.