Francisco Javier Illán Vivas
Editorial: Nausícaä, 2006
Idioma: Español
Se a fantasía heróica en xeral e a épica en particular describíron-se decote polos críticos máis asisados coma xéneros pouco desenvolvidos no sentido histórico, La Cólera de Nébulos non será definitivamente a novela que nos faga mudar de opinión. Dende un punto de vista claramente épico, a obra do escritor murciano Francisco Javier Illán Vivas (1958) introdúce-nos na epopéia de dous persoaxes, ún principal (Eleazar) e outro secundário (Eostes), creados coma epígonos do clásico dúo señor – escudeiro, e no que polo tanto as novidades literárias son exíguas.
Eleazar, fillo do deus Nébulos, introdúce-se xunto ao seu compañeiro na terra erma de Chandigarán, por motivos que nos son alleos, e por eses mesmos motivos resulta castigado polo seu pai celestial cunha maldición da que pouco se nos dí, agás que para erguela deberán pasar por unha série de probas. A relación dos feitos é pois a principal e case exclusiva história que se nos narra no libro, nunha edición sorprendentemente boa da Nausícaä.
Respondendo ao senso clásico das cousas, os personaxes son estereotipados, nunca vai abraiarnos nada do que fagan. Nombergantes, son descritos dun xeito moi escueto en relación co rico, ás veces mesmo exuberante desfile de adxectivos, cun estilo que por veces tenta imitar ao lovecraftián, mentres que os feitos narrados son unha relación non sempre argumentada de acontecementos aos que non podemos cualificar como suxeitos á teórica da causa-efecto. A verdade é que o persoaxe millor logrado é o do meigo Barbarrabás, un indivíduo estremo pero que se cadra é por iso polo que se afasta do modelo arquetípico no que semellan encerrados os demáis. As paisaxes responden a un concepto moi jüngeniano das histórias, que non precisan moito siso para comprender á primeira se un persoaxe é bó ou malo, mesmo ás veces tan só polo seu nome.
E é que o capítulo dos nomes debería ser un á parte nesta novela: recollendo toda a tradición mediterránea, o autor ofrécenos un auténtico desfile de culturas e tradicións agochas baixo cada nome de lugar, de persoa ou de cousa. Grécia, Roma, Israel, Ásia, e sen que falten tamén algunhas referéncias á Europa nórdica, pasan perante os nosos ollos nunha mistura non doada de descifrar e sen que a primeira vista se poida establecer claramente a xeografía deste peculiar mundo. Esta aclaración á xusta curiosidade do lector sempre ficará pendente de se resolver para o vindeiro capítulo, así até rematar o libro, claramente escrito ao longo de moitos anos, o que nos deixa co mel nos beizos cando de súpeto remata sen nos dar explicación a case ningunha das moitas interrogantes deixadas no ár ao longo das súas case 300 páxinas.
Libro recomendado para todas as idades (mália algúns esforzos moi inxénuos por falar de sexo nalgunhas escenas das que se podería ter sacado bastante máis), La cólera de Nébulos é unha desas histórias que che van atrapando sen outro fundamento que o de saber o que será o que aconteza na seguinte páxina.. e se por fin os nosos heroes van ser quen de amosar todo o seu poder nesta história de superheroes contra superfalcatruáns!