Triloxía de Tamuli

2659

Títulos: Domes of Fire, La ciudad oculta e Los seres fulgentes
David Eddings
Editoriais: Voyager (1995), Grijalbo (1994)

Ainda que xa non son novidades, traemos á palestra a esta triloxía escrita por ún dos autores máis salientábeis da fantasía a nivel mundial, David Eddings.

Eddings acadou facer-se un nome dentro do mundo do fantástico cunha série de dez libros, a Belgariada, con persoaxes memorábeis, diálogos frescos e acción a tope, pero cun argumento demasiado elemental e non moi orixinal. O seu éxito levouno a crear un novo mundo, cunha triloxía (os Elénios) que tamén resultou un éxito, ainda que non tan grande coma o anterior. A triloxía que vos presentamos hoxe é a do Tamuli, a continuación dos Elénios.

Dentro de España Eddings tivo que sofrir coma tantos outros a man dos tradutores. Para realizar esta revisión conxunta tiven a fortuna de poder ler dúas edicións distintas: un tomo en inglés orixinal (Cúpulas de Fogo), e outros dous coma traducións (A cidade agocha e Os fulxentes). Non sería xusto se non dixese que obviamente o primeiro é o máis recomendábel e por suposto o millor escrito.

O argumento xira ao redor dun persoaxe ao que xa coñecemos os fans de Eddings: Sir Sparhawk, ou nunha das traducións prévias, a de Timun Mas, “o cabaleiro Falquián“. É curioso como esa aberrante manía española de traducir os nomes non resulta nunha obra tan mala como cabería coidar: de feito, a tradución de Dolors Gallart para Timun Mas é das máis atraentes, se cadra pola linguaxe empregada, adaptada a un lector de español. Pero por suposto, afastada da ideia orixinal.

En calquera caso, nesta nova triloxía trasladámo-nos até o reino do Tamuli, no Leste dos reinos que xa coñeciamos da anterior triloxía de Sparhawk. O noso heroe, xa casado coa raíña Ehlana, e da que tivo como filla á deusa Afrael, aínda está baixo a disciplina da Orde dos Cabaleiros Pandións. Básicamente esta história é a mesma cá da anterior triloxía, pero cun escenário distinto e cun deus malvado distinto (esta vez moito pior có anterior, como corresponde a unha saga da que o creador das Bólas Máxicas se sentiría orgulloso).

O afastado reino do Império Tamul corre un perigo grave: un malvado está a tentar invocar a un deus perigosísimo para que lle axude a se facer co control do império, pero nin este malvado sabe o risco que hai en facer tal cousa. Sparhawk, o vencedor do deus Azash e salvador dos Elénios, é chamado para axudar ao Emperador, polo que deberá viaxar a través du nenorme continente axudado pola deusa Afrael e acompañado de todos os persoaxes que xa nos son familiares, incluindo á súa mesma esposa, a caprichosa raíña Ehlana.

Após de moitos perigos, Sparhawk chega á capital das cúpulas de fogo, onde deberá loitar contra insurreccións, confabulacións palacegas, e malvados de opereta aos que só lles falta a musiquiña sincopada para que nos decatemos de que son os inimigos aos que hai que derrotar.

Nun escenário coma este, de falsa épica e tantos estereotipos xuntos, é o humor o que salva o conxunto. Hai que recoñecer que Eddings sabe escribir e que é quen de manter o suspense mália o evidente do resultado final, no que é a forza bruta e os puños os que sempre salvan a situación. Non podemos comentar moito máis para non desvelar as moitas sorpresas que deparan ao leitor, ainda que por motivos que nos sexan completamente alleos, abonda con lér a contracapa dos libros para saber exactamente o que acontece ao final de cada tomo! Así que xa sabedes, cómpre non ollar esa parte, arrincala, ou poñer-lle un papel por riba porque é un spoiler total.

Máxia, aventuras, acción… nunha triloxía de libros que nunca has disfrutar tanto coma cando os leas por primeira vez. Literatura chicle, de usar e tirar? Se cadra si, pero mentres dura o sabor, o chicle sabe ben.

Save

Total
Calificación
Artigo anteriorO Reloxo
Seguinte artigoDe Lovecraft a J.J. Benítez
triloxia-de-tamuliMáxia, aventuras, acción... nunha triloxía de libros que nunca has disfrutar tanto coma cando os leas por primeira vez. Literatura chicle, de usar e tirar? Se cadra si, pero mentres dura o sabor, o chicle sabe ben.