Goor – A Crónica de Feaglar II

1321

Pedro Ventura
Editorial: Papiro Editora (2007)

Por fin chegou ás nosas mans a segunda parte da Crónica de Feaglar. E se me pedides que vo-la resuma nunha frase, direi-vos que concordo que as segundas partes non son boas, neste caso, son mellores!

Nesta segunda parte acabaron as presentacións e comeza a aventura sen mais dilacións. Cun desenrolo xa prácticamente liñal e mais lixeiro, a longa viaxe deica Goor vainos esclarecendo moitas das dúbidas ao redor dos personaxes principais, da súa verdadeira orixe e das súas motivacións. Pouco a pouco imos desfiando a madeixa, e imos comprobando como algunha das nosas suposicións eran certas, e tamén, imos sorprendéndo-nos con novas revelacións. É certo que existe o Draidex, e que cómpre acadalo antes de que caia nas mans de Calicíada, unha raíña cobizosa e sen escrúpulos, capaz do pior. Pero tamén é certo que a pesares das profecías, o consegui-lo dependerá da resolución dos homes. Porén, o Draidex é apenas a punta dun iceberg. Arredor del existe todo un mundo xa desaparecido pero que pode influír de forma decisiva no futuro do que xa coñecemos.

Podemos facer dúas lecturas diferentes: unha, as aventuras e desventuras duns homes coraxudos loitando por conservar o único mundo que coñecen, e outra, para min mais interesante aínda, as chaves da verdadeira natureza humana, capaz do mellor e do peor. O heroe por excelencia, Feaglar, revélase coma un home coas mesmas fraquezas que calquera outro, que falla ás suas mais férreas convicións e promesas por ser apenas iso, un home.

O ben e o mal nunca son absolutos, e personaxes que poden parecer abominábeis nun momento, conseguen gañar a nosa simpatía noutra altura simplemente porque no fondo, e todos sabemos iso, a vida pon-nos en situacións nas que nada do que críamos é inmutábel. A grandeza da historia reside, ao meu parecer, neste punto. Porque é unha historia de seres humanos. Non é unha epopea, é un reflexo do que podería pasar en calquera parte, se eliminásemos os elementos máxicos ou fantásticos. Non hai vitórias ou derrotas absolutas, e algunhas das vitórias son realmente amargas. Pero iso é algo que só lendo esta crónica pode ser descuberto. Dar mais detalles sería innecesário, coido eu, e podería mesmo romper a máxia da lectura. Polo tanto, amigos, facédeos cun exemplar e sacade as vosas próprias conclusións.

Eu pola miña banda só podo dicir que fico coa mesma sensación que cando acabo un bo libro ou unha película: que magoa que xa acabase, pero desfrutei tanto mentres…

De novo, os nosos parabéns, Pedro e deica outra!

Total
Calificación
Artigo anteriorGoor – A Crónica de Feaglar I
Seguinte artigoIndy está que arde
goor-a-cronica-de-feaglar-iiPor fin chegou ás nosas mans a segunda parte da Crónica de Feaglar. E se me pedides que vo-la resuma nunha frase, direi-vos que concordo que as segundas partes non son boas, neste caso, son mellores!