John Alonso
Morgante, 2007
Estamos en terras do ducado de Miranda e corre o ano do Noso Señor de… ei, agarden! Non é ano do Noso Señor, porque esta non é terra cristiá, senón un reino onde impera a máxia, onde os humanos conviven cos ananos, coas delsias e cos demos, e onde o duque conspira porque quere ser rei, para o que contratará á clásica compañía roleira, a de seres que representan cadansúa raza.
Polo mapa do noroeste de Galiza tres personaxes percorrerán vilas e aldeas sen termos moi claro as súas motivacións, xa que agás Exerio non coñecemos o que pensan os protagonistas até o precipitado remate; e é que semellaba que aínda ficaban moitas cousas por aclarar antes desa fin.
A trama ten moito máis de descrición que de emoción, literatura doada, de ler e de esquecer, entretida, sen máis pretensións cás de facer pasar unhas horas agradábeis aos moitos afeccionados á fantasía, ao rol e á maxia que desexamos produtos en galego. Porén, o atrevemento da editorial Rinoceronte co seu novo selo Morgante pagara-se coa moeda do desprezo polos que só procuran a estrema corrección literaria e non o simple divertimento do que non deixa de ser unha industria ademais dunha arte. John Alonso (A Coruña, 1967) nunca será candidato ao Nobel, pero de contar coa debida axuda por parte das editoriais do noso país si que podería ser o fundador dun segmento do mercado inxustamente esquecido.
Falando desapaixonadamente, hai que facer un balance equilibrado. O libro semella obviamente escrito por e para un roleiro, adoece de fluidez, de redondez e mesmo de sinxeleza, pero no outro prato podemos poñer o galego ben corrixido, o intento pioneiro de facer unha ucronía galega, un what if de Galiza sen cristianismo, e sobre todo o valor de escribir un relato longo con temática fantástica que pode ser clasificado coma novidade moi sinificativa nas nosas letras.