O Vaticano acusa á Internet de satanismo

0
345

Se o cheiro a xofre non te deixa durmir ultimamente, cada vez tes mais calor e ves mais xente de cór vermello pola rúa non é porque se achegue o verán, senón porque o inferno está xa entre nós, e concretamente os seus aliados mais fieis, os satánicos. Esta é a opinión, sábia e temperada coma sempre, da igrexa católica román: os satánicos están a medrar cada vez mais, segundo Carlo Climati da Universidade Pontifícia Regina Apostolorum en Roma, e a culpa de todo é, por suposto, da Internet.

Non é cousa de risa, porque antes da Internet, se querías poñer-te en contacto cos demos, para lles vender a túa alma, ofrecer-lles un sacrifício ou simplemente botar unhas risas, tiñas que lér libros e descifrar antigos textos prohibidos, escritos en latín ou grego. Pero agora toda a información está ao alcance dunha simple procura en Google e até o mais parvo coñece as fórmulas secretas para invocar ao alén.

A igrexa católica está moi preocupada e está a combater activamente contra esta xuntanza de demos que están a lle botar abaixo o chiringuito. E o primeiro que van facer é unha demostración “científica”(??) de como o poder do crucifixo é capaz de botar atrás aos demos mais coraxudos.

Así, a devandita Universidade está a organizar uns seminários que terán por obxecto examinar o fenómeno do satanismo con “seriedade e rigor científico“, evitando “enfoques superficiais ou sensacionalistas“, segundo Climati. A conferéncia en Roma axuntará a mais de 60 cregos desa igrexa, así coma a doutores, psicólogos, psiquiatras, profesores e xóvenes traballadores, coa intención de discutir os mellores xeitos de combater os perigos da adoración do demo.

Por suposto, o rigor científico desaparece cando a premisa é a aceptación de que os demos existen, pero non todo son malas novas: alomenos isto sinifica que a igrexa xa deixará en paz aos fans da música heavy e aos xogadores de rol.