Xogo de Tronos, renovada

1
329

A canle HBO ven de renovar á súa série Game of Thrones tan só uns intres despois de que se deran a coñecer os índices de audiéncia do seu primeiro episódio, emitido o pasado domingo á noite. O certo é que os índices son bós, pero non excelentes, mais a HBO investiu moitos cartos en decorados, vestiário e ambientación para recrear os mundos imaxinados por George R.R. Martin na súa saga, así que a segunda tempada era algo mais ca seguro.

Para o xefe de programación da HBO, Michael Lombardo, os índices de audiéncia son importantes pero non o mais decisivo: “estamos encantados polo xeito no que David Benioff e D.B. Weiss levaron as fantásticas novelas de George R.R. Martin á pantalla, e emocionados polo apoio dos médios e dos nosos espectadores“.

A renovación considéra-se mais unha aposta de futuro coa ideia de amortizar os custes de produción da série, e coa vista posta no mercado internacional e as vendas en disco, que semellan mais ca prometedoras.

Na noite do domingo, a nova série fantástica da HBO estivo situada entre True Blood e Boardwalk Empire, con 4,2 millóns de espectadores, un 54% menos cá estrea en setembro de Boardwalk Empire pero un 57% por riba dos 1,4 millóns de espectadores que viron o primeiro episódio de True Blood hai tres anos.

O reparto da primeira tempada inclúe a Mark Addy, Alfie Allen, Sean Bean, Emilia Clarke, Nikolaj Coster-Waldau, Peter Dinklage, Michelle Fairley, Aidan Gillen, Jack Gleeson, Iain Glen, Kit Harington, Lena Headey, Isaac Hempstead-Wright, Harry Lloyd, Richard Madden, Rory McCann, Jason Momoa, Sophie Turner e Maisie Williams.

A segunda tempada debutará o ano que ven e estará baseada no segundo tomo da saga de Martin, A Clash of Kings.

1 comentário

Comments are closed.