Está a se producir unha espécie de “tira e afrouxa” ao redor do proxecto de relanzamento de The Crow, ou mais especificamente o relanzamento que Juan Carlos Fresnadillo (28 Weeks Later) dirixirá e Bradley Cooper protagonizará, supostamente a partir de outono.
Agora seica The Weinsteins, a produtora que distribuiu o filme orixinal a través da Miramax en 1994, afirma que ten un contrato asinado que lle dá á empresa os dereitos mundiais para levar a franquía ao cinema. A Relativity Media, o grupo que quere facer o remake, non está de acordo e rachou as negociacións, polo que o asunto será levado aos xulgados.
A Relativity emitiu un comunicado pouco despois, no que din que a compañía “tentará a inmediata desestimación da demanda. Intentaremos atopar os remédios axeitados para esta mala conduta. Claramente este é un feble intento de crear unha controvérsia na prensa e un esforzo malicioso para interferir co desenvolvemento da Relativity deste proxecto“.
E iso foi o mais amábel que a Relativity dixo sobre o asunto, xa que posteriormente emitiu outra nota de prensa con afirmacións mesmo mais persoais contra os responsábeis da Weinsteins. En todo caso, o caso está agora no aire e pon unha sombra de dúbida sobre o comezo da rodaxe.