Ira Levin, un educado dramaturgo e novelista a quen non había ren que lle gustase máis que asustar á xente, e ben que o acadou con obras coma A semente do demo (“Rose mary’s baby”), As mulleres perfectas (“The Stepford Wives”) ou Os nenos do Brasil (“The Boys From Brazil”) finou o luns na súa casa de Manhattan aos 78 anos de idade. Non se deron a coñecer as causas específicas do pasamento, pero seica Levin morreu por mor de causas naturais, segundo dixo onte o seu fillo Nicholas.
A produción de Levin foi modesta – só sete novelas en 40 anos – pero a súa obra ficará por sempre ben establecida na imaxinación popular. Xuntas, as súas novelas venderon dúcias de millóns de cópias, segundo revelou a súa axente literária, Phyllis Westberg. Case todos os seus libros foron convertidos en filmes pola indústria de Hollywood, e algúns máis dunha vez. Ademáis, Levin tamén foi o autor da obra de teatro Deathtrap, un thriller cómico que estivo moitos anos nas carteleiras de Broadway.
En A semente do demo (1967), unha rapaza de New York é fecundada polo demo. En As mulleres perfectas (1972), as mulleres dun idílico barrio residencial semellan ser sustituidas por perfectos androides. E en Os nenos do Brasil (1976), Josef Mengele, vivo e coleando en Sudamérica, planea clonar a un novo Hitler a partir de células do antigo.
As outras novelas de Ira Levin foron Bíca-me antes de morrer (“A Kiss Before Dying”, 1953), Este día perfecto (“This Perfect Day”, 1970), Sliver (1991) e O fillo de Rosemary (1997), unha secuela na que o pequeno fillo do demo xa medrou.
Ira Marvin Levin naceu en Manhattan o 27 de agosto de 1929. Criado no Bronx e en Manhattan, asistiu á Drake University en Iowa durante dous anos antes de marchar á Universidade de New York, na que se graduou en 1950. Dende 1953 a 1955, serviu no exército, no corpo de telecomunicacións.
O seu primeiro traballo no eido da literatura foi a venda dun guión á canle televisiva NBC en 1951, Leda’s Portrait, un episódio da série clásica Lights Out. Un bico antes de morrer, escrito cando ainda contaba con vintepoucos anos, acadou o prémio Edgar de 1954 da Asociación de Escritores de Mistério. En 1980 gañaría outro Edgar con Deathtrap e en 2003 foi nomeado Grande Mestre pola devandita asociación.
Combinando elementos de diversos xéneros — mistério, terror gótico, ciéncia-ficción e mais o techno-thriller — as novelas de Ira Levin esconxuraron un mundo enchido dunha paz enganosa, onde calquera cousa podía acontecer en calquera intre. O universo de Levin era semellante ao real, pero máis estrictamente aterrador, máis esquisitamente mundano. Como estilista, poucas críticas se lle poden prantexar a Ira levin. Pero no que sempre salientou foi na construción do perfecto thriller: ritmo, conspiración e suspense.
En 2003 dicía nunha entrevista: “Sínto-me culpábel de que ‘A semente do demo’ conducira a ‘O Exorcista’ e a ‘A profecía’. Unha xeración enteira foi exposta ao demo e acredita máis nel. Eu non creo en Satán. E sinto que o forte fundamentalismo que temos non sería tan forte de non ser por eses libros“. Mália o anterior, Levin engadiu: “Por suposto, nunca devolvín ningún dos cheques que me deron polos dereitos de autor“.