John Woo fará Caliber

0
160

John WooO realizador e produtor chinés John Woo dirixirá a adaptación á pantalla grande do cómic Caliber, segundo puido saber NOVA FANTASIA por fontes ben informadas, ainda que o anúncio oficial non se fará até a semana que ven no decurso da Comic-Con en San Diego.

O filme será con toda probabilidade unha coprodución a tres bandas entre a Infinitum Nihil (a empresa de Johnny Depp), a Radical Comics (a de Barry Levine) e mais a Lion Rock, a compañía que copresiden o mesmo Woo xunto co seu parceiro americano Terence Chang.

O cómic orixinal, unha publicación da editorial Radical Comics, é unha estraña ambientación das lendas do rei Artur e os seus cabaleiros da Mesa Redonda coma pistoleiros do século XIX no Vello Oeste americano.

De todos os xeitos, Caliber non será a vindeira película de Woo, xa que está arestora a editar a segunda parte do seu filme épico Red Cliff para un lanzamento en xaneiro en Ásia e unha versión internacional un pouco máis tarde.

A primeira parte de Red Cliff estreou-se o pasado 10 de xullo en seis países de Ásia, acadando uns 26 millóns de dólares (16 millóns de euros) nas billeteiras.

Woo anunciara previamente que ía dirixir o filme da Lion Rock 1949, unha película que conta cun orzamento de 40 millóns de dólares e que está ambientada na época do golpe de Estado de Mao Zedong en China que creou a ditadura comunista naquel país.

Ademáis, Woo ainda ten en carteira outros proxectos, coma o remake do drama francés de 1969 O Clan dos Sicilianos, que protagonizaran Alain Delon e Lino Ventura, e The Divide, a história dun traballador chinés que axudou a construir as liñas dos camiños de ferro transcontinentáis nos Estados Unidos do século XIX.