O Gotham Group ven de se facer cos dereitos para levar ao cinema o último libro do escritor R.L. Stine, titulado It’s the First Day of School … Forever (É o primeiro día de coléxio… para sempre).
A história, que relembra sospeitosamente á de O día da Marmota, vai sobre un rapaz de 12 anos chamado Artie, cuxo segundo día no seu novo coléxio é exactamente igual ao seu primeiro día. Así que mentres que o neno vive unha e outra vez o mesmo terríbel día, deberá atopar un xeito no que poder cambiar este pesadelo. O obxectivo é crear unha aventura para todos os públicos, pero ainda non hai un guionista vencellado ao proxecto.
Eric Robinson, Yvonne Bernard, Beth Elise Hawk e Ellen Goldsmith-Vein serán os produtores. Stine é o autor da série de novelas de terror para adolescentes Goosebumps (titulada en España Pesadillas), que vendeu millóns de exemplares en todo o mundo.