A Summit Entertainment está en conversas para co-financiar e adquirir os dereitos para os Estados Unidos sobre un filme con acción real que adaptaría á pantalla grande a clásica novela de ciéncia-ficción de Orson Scott Card O Xogo de Ender, escrita en 1985.
A história vai sobre un rapaz a quen converten en supersoldado grazas a unha longa simulación de batallas contra os insectores, unha raza álien inimiga da Terra. Pero mentres o xogo vai avanzando, Ender comeza a perder a súa saúde mental e rematará por tomar decisións que teñen graves consecuéncias no mundo real.
O proxecto, que leva a se xestar moitísimos anos, con intres nos que semellaba case seguro que ía saír adiante e outros nos que semellaba totalmente estancado, pasou xa por moitos guionistas e directores, sen que se chegara a filmar nin un só metro de película en todo este tempo.
A última vez que parece que estivo por ter éxito foi o ano pasado, cando o realizador Gavin Hood (Tsotsi, X-Men Origins: Wolverine) chegou a bordo cun guión que era unha re-escritura do creado polo mesmo Card e anunciou-se a si mesmo coma director.
Desta volta, a Odd Lot Entertainment comezou a mercar algúns dereitos polo mes de febreiro e seica alguén trabou o anzol por fin. Alex Kurtzman, Roberto Orci, Gigi Pritzker, Linda McDonough, Card e Lynn Hendee están todos vencellados coma produtores.