A antiga actriz, modelo e cantante Yvette Vickers, famosa por protagonizar algúns filmes de ciéncia-ficción de série B nos anos 50, apareceu o pasado día 27 de abril mumificada na súa própia casa de Beverly Hills, onde se suspeita que morreu hai cousa dun ano.
Unha veciña acudiu á casa ao ver como se acumulaba o correo dos seus fans na porta, e tivo que escalar pola ventá chea de maleza e sortear caixas cheas de roupa que bloqueaban as portas até dar co cadáver. O corpo da antiga actriz, irrecoñecíbel ao mais clásico estilo hollywodense de cinema de terror, apareceu xunto ao teléfone descolgado e a unha estufa que ainda funcionaba e foi examinado sen éxito polo forense, quen non puido determinar se as causas da morte foron naturais ou non, debido ao estado de mumificación.
Vickers (nacida o 26 de agosto de 1936 en Kansas City) foi a coelliña do mes de xullo de 1959 na revista Playboy e tamén apareceu noutras revistas eróticas da época. Comezou a súa carreira coma modelo de publicidade anunciando champú e fixo a súa primeira aparición no cinema no filme Short Cut to Hell (1957). En 1958, protagonizou o seu papel mais famoso, no filme camp Attack of the 50 Foot Woman no papel de Honey Parker, e ao ano seguinte interpretou a Liz Walker en Attack of the Giant Leeches.
A partir dos anos 60 fixo algúns pequenos papéis no cinema, pero a súa carreira esvaecéu-se definitivamente. O seu derradeiro papel foi en Evil Spirits, un filme de terror de 1991.
Vickers estaba divorciada dende 1959 e non tiña fillos nin outra família.