A produtora parisina Onyx Films ven de asinar un acordo polo que se comprometen a cofinanciar o filme de 100 millóns de dólares de orzamento (67 millóns de euros) que versionará na pantalla grande o clásico manga Cobra: The Space Pirate baixo a dirección de Alexandre Aja (Piranha 3D) para os estudos Studio 37.
O filme pretende ser o primeiro dunha nova franquía de ciéncia-ficción, ambientada nun futuro onde as naves espaciais mercantes e os despiadados piratas navegan polo espazo. Cobra é un pirata de grande sona que vai á procura dun grande botín agocho en Marte.
O manga, orixinal de Buichi Terasawa, e mais a série de televisión baseada no mesmo, foron moi populares por toda Europa, especialmente Franza, nos anos 80. En España nunca foi emitida, pero si nalgúns países de Latinoamérica, onde foi fortemente censurada.
Aja e mais Gregory Levasseur escribiron o guión e ambos encargarán-se da produción xunto a Aton Soumache e Dimitri Rassam. A pre-produción do filme escomezará este outono, mentres que a rodaxe está prevista para a primavera de 2012, todo coa ideia de estrear no verán de 2013.