Keanu Reeves en Akira?

0
154

A Warner Bros. Pictures está a ter moitos problemas para atopar un reparto axeitado para os dous filmes que adaptarán ao cinema o clásico manga de ciéncia-ficción Akira, que segundo din contarán cun orzamento ao redor dos 230 millóns de dólares (160 millóns de euros).

Os últimos rumores apuntan a que Keanu Reeves está a manter conversas para interpretar a Kaneda, o líder da banda de motoristas no filme, despois de que o mesmo papel lle fora ofrecido a Brad Pitt e a Ryan Gosling, e de que ambos o rexeitaran. Os estudos seica non parecen moi desacougados polo feito de que o protagonista no manga sexa un adolescente e de que Reeves conte con 46 anos.

A contratación do actor canadiano non só fornecería ao proxecto cunha estrela de renome, senón que permitiría que o papel de Tetsuo, o outro protagonista, poidese ir tamén para outro actor importante, coma James Franco, Joseph Gordon-Levitt, Andrew Garfield, James McAvoy, Chris Pine, Justin Timberlake, Robert Pattinson ou Michael Fassbender, todos os cales foron considerados para os dous papeis.

Albert Hughes dirixe esta versión, que adaptará a obra orixinal con acción real e que trasladará os eventos dende o futurista Neo-Tóquio á New Manhattan, amosando ainda os esforzos de Kaneda por salvar a Tetsuo dun experimento médico que ameaza con ceibar os seus poderes destrutivos.

Andrew Lazar, Leonardo DiCaprio e Jennifer Davisson Killoran son os produtores.

 

(Actualización 19 de maio: Keanu abandoa o proxecto de Akira)