Frank Darabont, quen escribiu e dirixiu o vindeiro filme de ciéncia-ficción The Mist, baseado na novela curta homónima de Stephen King, revelou á prensa que o remate do seu filme é moi distinto ao da novela. A película, o mesmo có libro, vai sobre un grupo de xente cada vez máis asustada atrapados nun supermercado mentres unha misteriosa criatura vai xurdindo do interior dunha brétema que cubriu toda a vila.
O remate de King fica aberto á interpretación; o de Darabont non. “O meu é o remate que sempre tivo sentido para min“, develou nunha entrevista. “Sempre sentín que o filme precisaba dun remate definitivo, e iso entra na miña filosofía de ‘Isto é unha película de terror, e debería deixar á xente que sae do cinema aterrada e desacougada’. Sempre souben que o remate era un risco. É un movemento arriscado, pero por que conformar-se con médias tintas? Xa temos unha chea de filmes amilanados, e eu non quero facer iso. Eu quería facer algo que se tivera en conta no xénero“.
Darabont (A Milla Verde, Cadea Perpétua) engadiu que os intres finais do filme se lle apareceron hai máis de dez anos. “Eu sempre fun una desas persoas que odiaban ‘Os paxaros’ porque non hai remate da película, mesmo cando era un neno“. E King, segundo Darabont, estivo de acordo en todo: “Tivemos unha manchea de conversas“.