Os directores fuxen de Akira e Uncharted

0
173

Primeiro foi o seu protagonista, Keanu Reeves, quen abandoou o barco, e agora é o director, Albert Hughes (The Book of Eli) quen tamén deixa definitivamente o proxecto de adaptar ao cinema con acción real o clásico manga e anime Akira para a Warner Bros. Pictures.

Segundo fontes internas, a marcha produciu-se por mor de “diferéncias creativas”, que é a excusa que se adoita empregar cando as cousas se poñen moi feas en Hollywood entre o director e mais os produtores.

Cando Reeves deixou o proxecto, un voiceiro dos estudos manifestara que a produción do filme non se ía detér por ese incidente, se ben o proxecto ainda non conta coa luz verde de aprobación e está nas súas primeiras fases de desenvolvemento. Pero agora que é o mesmo director quen sae pola porta de atrás, todo o proxecto fica moito no aire e é moi dubidoso que poida continuar.

Pero esta semana Hughes non foi o único en baixar-se en marcha dun filme en produción, porque David O. Russell, que estaba contratado para escribir o guión e producir a adaptación ao cinema do videoxogo Uncharted, tamén abandoou o proxecto.

A súa marcha foi tamén debida ás xa clásicas diferéncias creativas, que neste caso poderían ter mais sentido, porque nas últimas entrevistas que lle fixeran, Russell deixou claro que nunca xogara ao Uncharted e que en realidade para el todos os videoxogos son só unha fonte de aburrimento, o que deixaba ben ás claras o seu escaso interese neste proxecto.