O estraño caso dos dous Supermans

0
186

Tal e coma adiantaba NOVA FANTASIA hai meses, as augas no mundo de Superman están a baixar moi revoltas e polo de agora non hai sinais de que escampe. Mesmo grazas a unha extraña rifa legal, podería haber dous proxectos de Superman en 2013.

Man of Steel, dirixida por Zack Snyder e producida por Christopher Nolan, está prevista para se estrear en decembro de 2012. Pero menos dun ano despois desa data, certos dereitos sobre o persoaxe pasarán a ser novamente propiedade da família dos seus creadores orixinais, Jerry Siegel e Joe Shuster.

E o que sinifica “certos dereitos”? Pois que non todo pertencerá aos herdeiros de Siegel e Shuster. Iso é porque segundo a senténcia xudicial, todo o que inventou a parella para Superman antes de que ambos escomezasen a traballar para a DC Comics volverá a ser propiedade das súas famílias. E todo o que inventaron despois de escomezar a traballar para a editorial pertencerá á editorial (que actualmente é propiedade da Warner Bros. Pictures).

En resumidas contas, os herdeiros de Siegel e Shuster terán os dereitos sobre o uniforme azul e vermello de Superman, así coma de certos superpoderes, concretamente os de “chimpar mais alto cós edifícios”, “ser mais rápido ca unha locomotora” e ser “capaz de deter as balas”. Todo o demais, que foi engadido despois de 1938, cando xa traballaban na DC, será propiedade da devandita compañía: o resto dos seus superpoderes, coma o de voar, ou a súa galería de superinimigos, incluíndo a Lex Luthor.

Así pois, en teoría, a partir de 2013 as famílias de Siegel e Shuster e mais a Warner poderían facer dous filmes diferentes, cadaún cun Superman con poderes diferentes, un uniforme distinto, e superfalcatruáns de seu. Un dos filmes non podería amosar a Superman voando, e o outro non podería amosar o uniforme azul e vermello.

Polo de agora Marc Toberoff, o avogado das famílias dos creadores de Superman, está a tentar desesperadamente sacar adiante unha apelación perante o tribunal, mentres que a Warner decidiu demandar directamente ao avogado, acusándo-o de rachar as boas relacións que tiñan coas famílias antes de que fosen a xuízo por mor dos dereitos sobre o home de aceiro, precisamente instigados por este avogado.

Mentres se resolve o caso, Man of Steel podería ser a derradeira vez que vexamos ao “auténtico” Superman no cinema. As secuelas poderán amosar a un Kal-El sen o seu uniforme, mentres que vemos a outro persoaxe co mesmo nome pero incapaz de voar, tal e coma foi deseñado orixinalmente por Siegel e Shuster. Será o final definitivo para Superman?