A censura do cempés: o director responde

847
The human centipede

A princípios desta semana, o BBFC, o organismo británico de clasificación de cinema, rexeitou dar-lle unha certificación a The Human Centipede II (Full Sequence), o que na práctica supón un acto de censura prévia que impedirá a exhibición do filme en calquera formato dentro do Reino Unido.

Nunha longa carta onde pretendían xustificar a súa decisión, os membros do devandito organismo governamental revelaron unha manchea de detalles moi específicos sobre o guión do filme, que por mor da súa morbosidade, foron dados a coñecer por case toda a prensa mundial.

Obviamente, todo isto non lle gustou ren ao director, Tom Six, quen ven de responder en termos moi duros á prohibición do seu filme e mais ao filtrado do guión:

Moitas grazas BBFC por poñer spoilers da miña película no voso sítio Web e grazas por prohibir o meu filme deste xeito excepcional. Seica eu fixen un terríbel filme de terror, pero acaso un filme de terror non debe ser terríbel? Queridiños, é unha puta película. É todo ficción. Non é real. É unha montaxe. É arte. Deixáde-lle á xente que escolla o que queren ver ou non. Se a xente non pode aturar ou gostar do meu cinema que non-o miren. Se á xente lle gusta o meu cinema que poidan ve-los cando queiran, onde queiran, e tamén no Reino Unido“.

A censura deste filme en Inglaterra podería afectar tamén ao mercado español, onde o organismo censor non pode evitar que se exhiba unha película de xeito prévio coma no Reino Unido, pero si que poden veta-la na práctica dándo-lle unha calificación “X”, o que sinifica que só se podería exhibir nas tres salas de cinema “X” existentes en España. Nos Estados Unidos, onde está o mercado mais importante, os filmes poden exhibir-se ainda que non conten cunha calificación da MPAA (organismo censor americano), pero iso é só na teoría, xa que na práctica é case imposíbel que ningunha sala dea permiso para exhibir un filme sen calificar.