Segundo confirmou a própia DC Comics nunha nota de prensa, a partir do vindeiro 31 de agosto todas e cadaunha das súas séries de superheroes regresarán ao número 1, nunha espécie de posta a cero ou relanzamento que está a erguer moitísima polémica entre os fans.
A DC Comics lanzará unha renumeración histórica das 52 liñas de cómics do Universo DC por completo, incluindo a aparición da nova Liga da Xustiza a cargo do escritor Geoff Johns e do debuxante Jim Lee. A publicación do número 1 da Liga da Xustiza será simultánea en papel e na Internet, co que a DC convérte-se na primeira editorial das dúas importantes (a outra é a Marvel) que lanza os seus cómics de superheroes dixitalmente e en papel o mesmo día.
A xogada da DC xa ergueu moitísimas críticas, entre as que se inclúen a do novo uniforme que utilizarán moitos superheroes, Superman incluído. Segundo fontes internas da editorial, a nova política será “nada de calzóns por fóra”, co que os calzóns vermellos do Home de Aceiro deixarán de ser unha das súas principais características (se cadra algo ten que ver co feito de que a partir do ano que ven a DC podería ver-se obrigada a deixar de usar o uniforme clásico de Superman?).
O grande risco agora é que os fans que estaban a seguir as coleccións normais deixen de mercar o cómic, porque xa coñecen as orixes dos seus persoaxes favoritos. De todos os xeitos na DC consideran que paga a pena tenta-lo e que as novas orixes de todos os persoaxes serán unha oportunidade perfecta para gañar novos leitores.