Terry Pratchett comeza o proceso de suicídio

0
222

Sir Terry Pratchett, o escritor de novelas fantásticas que foi diagnosticado co Alzheimer en 2008, revelou antonte que ven de escomezar o proceso legal para poder ser asistido no seu suicídio na clínica Dignitas en Forch, preto de Zurich (Suíza).

Pratchett, cuxo filme documental sobre o tema do suicídio asistido exhibiu-se onte na canle BBC2 en Inglaterra, revelou asemade que recebira os formulários legais para outorgar o seu consentemento para ser asistido no seu suicídio na devandita clínica e que planeaba asina-los decontado.

A única cousa que me impide asina-los é que fixen este documental e que teño un maldito libro que rematar“, dixo no decurso dunha sesión de preguntas após da exhibición do filme no festival de documentais de Sheffield (Inglaterra).

O escritor afirmou que decidiu escomezar o proceso após de facer o filme Terry Pratchett: Choosing to Die, que amosa o intre da morte dun enfermo terminal, o millonário e dono dunha cadea de hotéis Peter Smedley.

Pratchett, creador da saga das novelas de Mundodisco, tiña 60 anos cando foi diagnosticado, e dixo que a súa decisión de escomezar o proceso non sinifica necesáriamente que vaia suicidar-se finalmente. De feito, segundo fontes da clínica Dignitas, ao redor do 70% da xente que asina os papéis decide non continuar adiante co proceso de suicídio.