A dereita contra Cars 2

0
263

A última película da Pixar estreada nos cinemas, o filme Cars 2, está a ser obxecto dunha forte controvérsia nos Estados Unidos por mor de motivos políticos. E seica o problema está en que o vilán escollido polo seu director John Lasseter é a indústria petroleira, o que para os conservadores americanos converte ao filme en “propaganda esquerdista“.

O director explicou recentemente nunha entrevista que cando estaba a procurar un súper malvado para esta película de espionaxe protagonizada por coches animados xurdiu a idea: “Por que o combustíbel alternativo non está mais estendido? Por que non está todo o mundo aproveitándo-o xa? Ten moito sentido: electricidade, enerxía solar, o que sexa… así que coidei que podería ser realmente xenial ter ás petroleiras contra os combustíbeis alternativos“.

Os meirandes malvados, xa entendes de onde veñen. Eles coidan que están a facer o correcto. Ás veces é por cobiza, ás veces por outras razóns, pero son o que eles chaman o centro do ben. Eles sempre acreditan que fan o correcto“, engadiu Lasseter.

As súas palabras non pasaron desapercibidas para a dereita moral americana, que as considerou unha provocación: “Aos conservadores e crentes no libre mercado acusan-nos de ser paranoicos cando dicimos que a indústria de Hollywood está intentando adoutriñar aos nosos fillos con propaganda esquerdista. Pero agora os directores e produtores de películas sairon e admitiron o que están a facer. Alédo-me de te-lo descoberto antes de que os meus fillos me convenceran de que os leva-se ver Cars 2“, afirmou con total seriedade un dos blogs mais lidos entre os republicanos americanos.

Outro blogueiro, chamado Christian Toto, para o que Hollywood é “unha factoría de soños ideoloxizada“, acusou a Lasseter de hipócrita por non respectar o médio ambiente mentres facía a película, e dixo que o seu anterior filme, Wall-E, foi un “ataque ao consumismo“.