Segundo informou o editor Clifford Meth, o debuxante Gene Colan finou onte aos 84 anos de idade, após dunha semana en estado de coma coma resultado dunha rotura de cadrís e de complicacións da sua enfermidade do fígado.
Gene Colan naceu no Bronx (New York) en 1926 e ainda que escomezou a debuxar con tres anos, empezou a sua carreira coma debuxante nos anos 40, após de ser rexeitado polo Exército por ser menor de idade. Finalmente puido entrar na Aviación e formou parte do exército que liberou as Filipinas en 1945. Durante a primeira etapa da sua carreira, pouco coñecida para os fans, traballou para a Timely Comics, a precursora da actual Marvel Comics.
Nos anos 60 empezou a colaborar co emerxente universo Marvel, con etapas en séries con Sub-Mariner, Daredevil ou Capitán América. Daquela asinara moitas das suas obras baixo o alcume de Adam Austin, porque ainda traballaba tamén para a DC e non estaba ben visto traballar en dúas editoriais ao mesmo tempo.
O estilo de Colan, caracterizado polo debuxo de figuras estilizadas e o importante uso das sombras, facía-o moi raro para os artistas da Idade de Prata do cómic, pero ideal nos anos 70 para se converter no debuxante principal da série The Tomb of Dracula escrita por Marv Wolfman, posíbelmente o seu traballo mais relembrado. Neste tempo tamén encargou-se doutra série que foi menos famosa pero que chegou á pantalla grande moito antes: o Pato Howard.
Nos anos 80 regresou á DC Comics, onde recebiu o encargo de debuxar ao novo Batman, que sería moito mais escuro e sinistro có Batman “camp” e algo hippy dos 70, popularizado pola série de televisión. Este novo Batman sería o que finalmente trunfase entre os fans.
Por mor dos seus problemas de saúde, os seus traballos comezan a ser cada vez menores, pero ainda tivo tempo de colaborar con persoaxes coma Blade, Daredevil e o Capitán América. Precisamente a sua derradeira história, o número 601 da série Capitán América, foi a gañadora do prémio Eisner 2010 ao millor cómic do ano.