Pedro Ventura
Editorial: Presença (2011)
Lembro que cando rematei de lér a segunda novela de Pedro Ventura (Goor II – A Crónica de Feaglar, aló polo 2007) puiden dicir sen temor ao ridículo que viña de rematar a millor novela de xénero fantástico da miña vida. Aquela novela era o cabo a unha história de coraxe, aventuras e humanidade que tan só facían desexar lér mais e mais.
Agora, por fin e após dunha longa espera de catro anos, chega un novo libro do mesmo autor. Non é exactamente unha continuación das mesmas aventuras, porque se pode lér perfectamente por separado, pero si que está mergullada no mesmo universo… só que uns cantos anos despois. Após dun longo sono de várias décadas, Calédra, a bela guerreira aurabrana, esperta subitamente nunha realidade que lle é estraña, un tempo que non é o seu. A antiga raiña dos aurabranos é unha persoa altiva, arrogante, sobérbia, de ética mais ca dubidosa… pero tamén valente, poderosa, compasiva… é moito mais humana do que a ela mesma lle gustaría ser.
A novela contará-nos algúns anacos da súa história pasada e as aventuras do seu trepidante presente, nun mundo dominado polos Holkan, unha raza de seres que invadiron o antigo reino de Feaglar e que queren facer-se co resto dos Sete Reinos. Calédra, xa convertida en protagonista única e indiscutíbel desta história, pasará algún tempo antes de querer recoñecer que a súa misión é impedir que os Divinos conquisten o mundo, ainda que iso supoña loitar liderando aos humanos, unha raza da que ela non forma parte.
As dúas anteriores novelas de Ventura deixaban cunha dobre sensación: a de ter lido algo extraordinário, unha literatura que mistura á perfección a épica e o drama, e a de querer continuar lendo, coidando que isto non pode rematar así. Nesta ocasión a sensación é a de que a novela é unha longa introdución a un persoaxe que xa coñeciamos, a outros novos que van desaparecendo dun xeito inesperado e aos fillos dos fillos dos que só fica unha sombra da grandeza dos seus antepasados; pero ao remate, coma nunha curva expoñencial, o interese do leitor aumenta até que ficamos no médio dun cliffhanger que non só merece senón que esixe unha continuación inmediata.
En resumidas contas, unha novela cuxo nivel se achega moito á Goor I. Tan só cabe agardar que a continuación sexa alomenos unha pálida sombra do que foi Goor II, porque iso xa sería abondo como para lle outorgar a nosa confianza.