A MGM, continuando cos seus plans de facer remakes ou relanzamentos dos seus grandes clásicos dos anos 80, ven de chegar a un thriller que en 1983 nos fixo decatar-nos de que a ciéncia-ficción estaba moito mais preto de nós do que estabamos dispostos a recoñecer: War Games, de John Badham.
Seth Gordon (The King of Kong) ven de ser contratado para que se encargue de levar este filme a bó porto, dirixíndo-o e mesmos dándo-lle un novo punto de vista creando unha versión de seu, o que semella non só prudente senón necesário, xa que tanto os computadores coma a tecnoloxía deron un salto cuantitativo salientábel dende hai 25 anos até agora.
O orixinal estaba protagonziado por Matthew Broderick e mais Ally Sheedy no papel de dous rapaces amigos do coléxio que atopan unha porta traseira no W.O.P.R., o computador mais avanzado do exército dos Estados Unidos, adicado a simular xogos de guerra. Pero o que eles coidan que é un xogo de simulación resulta ser só o botón de lanzamento dunha máquina deseñada polo científico Steven Falcon e que requerirá da súa axuda para evitar que o computador escomece pola súa conta un cataclismo nuclear que borraría á humanidade do mapa.
O filme acadou no seu tempo tres nominacións aos Oscar, recadou case sete veces o custe do seu orzamento tan só nos Estados Unidos e practicamente foi o responsábel do termo firewall, que todos usamos hoxe en día en Informática. As críticas foran moi positivas daquela, e co paso do tempo converteu-se nun filme de culto para os afeccionados, especialmente coa escena final ambientada nas instalacións da NORAD e diante da pantalla do computador.