Haberá secuela da Lanterna Verde?

733

Ainda que a crítica non tivo piedade con ela e a recadación está a ir moi por baixo das expectativas, especialmente tendo en conta o seu orzamento, a Warner Bros. está a considerar a posibilidade dunha secuela ao filme de superheroes Lanterna Verde, que protagoniza Ryan Reynolds.

Dan Fellman, presidente de distribución doméstica dos estudos, afirmou que “o filme está a asentar-se” e apunta a que a caída dos filmes para fans dende a súa semana de estrea até a segunda semana é moi grande decote. Así, Thor e X-Men: First Class caíron un 47% e un 56% respectivamente na súa segunda semana.

En todo caso, ao contrário dos mencionados filmes, Lanterna Verde tampouco acadou ningún éxito fóra dos Estados Unidos, onde foi varrido pola estrea de Cars 2 e Kung Fu Panda 2.

Así pois, as posibilidades dunha secuela semellan moi baixas, mais ou menos coma Tron 3, cos estudos afirmando que é posíbel manter a franquía pero a realidade emperrándo-se en demostrar o contrário.

A Warners ten a confianza posta nalgúns países onde ainda non se estreou o filme e quere que o selo da DC Comics sexa abondo para xustificar unha nova entrega, agora que a franquía de Harry Potter rematou para sempre. O que si parece seguro é que volvamos ver ao superheroe na pantalla, porque será ún dos convidados no megaproxecto da Liga da Xustiza. Tampouco é descartábel o intento dunha segunda parte con menor orzamento, ao xeito de Hulk.