Serkis quere ir á Granxa dos Animáis

0
218

No decurso dunha entrevista concedida co gallo da estrea do seu filme de ciéncia-ficción Rise of the Planet of the Apes, o realizador Rupert Wyatt revelou parte dos seus vindeiros proxectos.

Ademais dunha série sobre toupeiras da intelixéncia militar inglesa no seo do IRA, Wyatt dixo que el e mais o actor Andy Serkis (Gollum en O Señor dos Anéis) discutiron sobre a posibilidade de facer un filme coa tecnoloxía de captura de imaxes e baseado en A Granxa dos Animáis, a clásica obra de 1945 do escritor George Orwell.

A história dos animais revolucionários nunha granxa inglesa é unha alegoría nada disimulada do estalinismo na Unión Soviética durante as anteriores dúas décadas. A adaptación ao cinema mais famosa segue a ser o filme de debuxos animados de 1954.

Serkis é un defensor da tecnoloxía de captura de imaxes e responsábel el mesmo duns estudos adicados en exclusiva á devandita tecnoloxía, a Caveman Films.