O Capitán que non era América

0
160

Hai un par de meses soubéra-se que a Paramount e mais a Marvel estaban a considerar a posibilidade de abreviar o título do seu vindeiro filme de superheroes, de Captain America: The First Avenger a simplmente The First Avenger nalgúns países fóra dos Estados Unidos.

Dado que o filme transcurre durante a Segunda Guerra Mundial e principalmente en Europa, os realizadores querían evitar no posíbel as controvérsias políticas contemporáneas que poideran xurdir de facer un filme adicado a un dos heroes mais clásicos dos Estados Unidos, o que comprometería a recadación internacional.

Así pois, e dado que non é infrecuente que moitos países muden o título orixinal das películas (algo ao que estamos tristemente acostumados en Galiza) os estudos decidiron dar liberdade a cada país para utilizar calquera dos dous títulos posíbeis.

Agora ven de se saber que só tres países optaron polo nome curto: Rúsia, Ukraína e Corea do Sul.

Pero este non será o único cambio que se faga: en Austrália fíxo-se pública unha versión do tráiler oficial no que o lema do filme pasou de ser “Heroes are made in America” (os heroes están feitos en América) a outro menos interesante: “When evil rises, a hero will stand” (Cando o mal aparece, un heroe lle fai frente).

O filme terá a súa proba de fogo o vindeiro 28 de xullo, cando se produza a estrea internacional en Inglaterra, Austrália e algúns países de Ásia e Sudamérica, todo elo unha semana despois da estrea nos Estados Unidos. A Europa chegará en agosto.

Mentres tanto, en China é moi dubidoso que se chegue estrear, e os produtores xa non contan con elo, por mor da estrita censura que impediría calquera tipo de mención a un heroe que leve a bandeira americana no peito.