O Horror de Dunwich

0
324

Anticipándo-se á Comic-Con International en San Diego deste ano, a IDW Publishing ven de anunciar unha nova série de cómic, titulada H.P. Lovecraft’s The Dunwich Horror, e que será unha reinterpretación moderna da clásica história de terror de H.P. Lovecraft The Dunwich Horror. A partir de outubro, o guionista Joe R. Lansdale e mais o debuxante Peter Bergting ofrecerán aos leitores do século XXI a súa visión de Lovecraft, o escritor mais influinte para os escritores de terror na actualidade.

É emocionante estar a traballar nun proxecto de Lovecraft, ún dos escritores de terror mais influintes de todos os tempos“, dixo Lansdale, gañador sete veces do prémio Bram Stoker.

Publicada orixinalmente no número de abril de 1929 da revista Weird Tales, e ambientada na vila imaxinária de Dunwich, Massachusets, The Dunwich Horror describe a aterradora história de Wilbur Whateley, neto dun feiticeiro, e a súa procura do Necronomicon, o libro máxico que seica posúe o poder de abrir a porta para o regreso dos “Antigos” á Terra.

Cadaún dos catro números da minisérie H.P. Lovecraft’s The Dunwich Horror ofrecerá asemade unha adaptación do conto de Lovecraft The Hound (O Sabuxo), con anotacións do historiador lovecraftián Robert Weinberg e do debuxante Menton3. The Hound foi publicada orixinalmente no número de febreiro de 1924 da revista Weird Tales, e é a história de dous ladróns de tumbas que levan demasiado lonxe o seu intento de se facer con novas mostras para a súa colección privada.

Ademais en outubro a mesma editorial prometeu lanzar The Lovecraft Library, vol 1: Horror out of Arkham, unha série con contos lovecraftiáns que inclúe Herbert West—Reanimator, The Unnamable, The Colour Out of Space, The Dunwich Horror e The Shadow Over Innsmouth, con ilustracións de Menton3 e unha introdución por Robert Weinberg.