James Cameron xa aposta polos 60 fps

0
183

A mediados de abril deste mesmo ano, o director Peter Jackson anunciou que as duas películas d’O Hobbit rodarían-se a 48 fotogramas por segundo (fps), o que subpón o dobre da velocidade de filmación estándar, todo un chimpo adiante co que Jackson pretendía marcar un antes e un despois na história do cinema.

Pero a evolución nas adaptacións das novelas de Tolkien podería quedar desfasada mesmo antes de nacer grazas ao recente anúncio de James Cameron. O director que posúe o récord das duas primeiras películas na lista dos filmes que mais cartos recadaron na história no despacho de billetes confesou á prensa que nos traballos de preprodución de Avatar 2 e Avatar 3 xa probou con velocidades de filmación de 48 e mesmo 60 fps.

Eu aposto polos 60 fps. Coido que é a resposta, pero outros poden elixir os 48 por outros motivos“, dixo Cameron que xa en marzo e no decurso da CinemaCon expresara a sua intención de incrementar a velocidade de rodaxe de cara ao seu novo proxecto para millorar a experiéncia cinematográfica en 3D. “O 3D amosa unha fiestra á realidade, se incrementas os fotogramas quitas-lle o cristal á fiestra“, suliñou.

Após de semanas de probas, Cameron decidiu-se pola velocidade mais alta posíbel: “Había moitos argumentos a favor das 60 e a favor das 48, e coido que a razón pola que vou por este camiño é porque fará moito millor o 3D“. Ademais, Cameron aposta por actualizar as equipas de proxección para que sexan “os cineastas quen decidan” a que velocidade rodar.

O custe non está na cámara, que é moi sinxelo, o custe non está nos proxectores, xa que só supón unha actualización do software“, lembrou Cameron, que dixo que xa podería rodar “agora mesmo” un filme a 60 fotogramas por segundo. O custe estaría daquela en que “hai que regular todo o fluxo de traballo“, e non só coas salas de proxección senon tamén coas equipas de efectos especiais. E é que, a mais fotogramas por segundo maior custe en FX xa que hai que tratar mais imaxes por computador. Cameron afirmou que xa está a traballar nesta liña cos grandes fornecedores de efectos especiais.