A precuela da Cousa ten unha precuela

900

A editorial Dark Horse Comics ven de crear un cómic dixital exclusivo que servirá coma precuela do vindeiro remake do thriller de terror e ciéncia-ficción The Thing (A Cousa), previsto para a súa estrea o vindeiro 14 de outubro.

A partir desta mesma semana, o cómic lanzará-se en tres entregas de oito páxinas cadansúa, e que aparecerán o 21 de setembro, o 28 de setembro e mais o 5 de outubro, todo elo dispoñíbel gratuitamente online na DigitalDarkHorse.com e tamén por médio da aplicación para móbiles de leitura de cómics da Dark Horse Comics.

The Thing: The Northman Nightmare narrará a orixe desta popular franquía, embientada na conxeada Groenlándia, e presentará-nos ao grupo de noruegueses que fican atrapados nun letal xogo pola supervivéncia após de descubrir a unha terrorífica creatura.

O monstro metamórfico ten a habilidade de se converter nunha réplica perfecta de calqueroutra creatura vivinte. Pode asemellar-se a calquera persoa ou animal, pero por dentro segue a ser inhumán, agochada nalgures nunha aldea desolada con poucos sobrevivintes, e entre eles, un estraño grupo de mulleres.

Steve Niles (30 Days of Night) é o autor do guión deste cómic, mentres que Patric Reynolds (Serenity) ocupou-se do debuxo a tinta. Dave Stewart (Hellboy) é o colorista.