Patty Jenkins podería dirixir Thor 2

0
153

A directora Patty Jenkins está a manter conversas para se ocupar da realización da secuela do filme Thor na Marvel Studios e mais a Disney Pictures.

Jenkins dirixiu o aclamado filme independente de 2003 Monster e dende aquela traballou en diferentes séries de televisión coma Entourage e Arrested Development, e mis recentemente o piloto de dúas horas da AMC The Killing.

De se producir, a contratación de Jenkins sería definitivamente pouco convencional, pero tamén o foi a de Kenneth Branagh para o primeiro filme, que recadou 447 millóns de dólares nos despachos de billetes en todo o mundo, un risco que sen dúbida pagou a pena.

Jenkins é nestes intres a favorita para se encargar do filme, por riba doutros directores que tamén estiveron no ollo de mira da produtora, coma é o caso de Brian Kirk (Game of Thrones), quen renunciou ao traballo.

Na listaxe de candidatos ainda están sen descartar nomes sobranceiros coma os de Drew Goddard (Cabin in the Woods), James McTeigue (Ninja Assassin), Noam Murro (300: Battle of Artemesia) e Breck Eisner (The Crazies).

Don Payne, que foi o co-autor da primeira entrega, está a se ocupar de escribir o guión desta secuela, cuxa data de lanzamento está fixada para o 26 de xullo de 2013.