Aaron Eckhart será o novo Frankenstein

0
196

O actor Aaron Eckhart ven de ser contratado para interpretar a Adam Frankenstein no filme de Stuart Beattie que adaptará o cómic I, Frankenstein á pantalla grande da man da Lakeshore Entertainment, a Hopscotch Features e mais a Lionsgate.

Na novela gráfica, a creatura de Frankenstein (agora chamado Adam) sobreviviu até os nosos días debido a un xiro xenético inesperado na súa creación. O monstro consigue chegar até unha metrópole enorme, sinistra e gótica, e fica atrapado nunha guerra que leva a loitar-se vários séculos entre dous clans inmortais. O autor do cómic, Kevin Grevioux, é ademais o co-creador da franquía de lobishomes de Underworld.

O guionista de G.I. Joe e de Collateral, Stuart Beattie, que xa tivo éxito o ano pasado co seu thriller australián Tomorrow, When the War Began, escribiu o guión e será o director.

Tom Rosenberg, Gary Lucchesi, Andrew Mason e Richard Wright son os produtores. A rodaxe escomezará en Austrália en xaneiro e a estrea nos Estados Unidos está prevista para o 22 de febreiro de 2013. A Lionsgate xa se fixo cos dereitos de distribución.