A fita española Los Cronocrímenes, de Nacho Vigalondo, ven de recibir o “Asteroide de ouro”, máximo galardón do Festival Science Plus Fiction de Trieste, ún dos máis salientábeis no xénero da ciéncia-ficción. Definida polo seu director como “de ciéncia-ficción, pero sen efectos especiais“, a película está protagonizada por Bárbara Goenaga e Karra Elejalde.
O xurado, presidido polo guionista de cómic italiano Alfredo Castelli, explicou que a longametraxe española mereceu este recoñecemento “pola sua capacidade de amosar que cun pequeno orzamento póden-se contar histórias incríbeis e extraordinárias“.
Na sección de curtos fantásticos Europeos foi premiado Absence do director francés Kevin Lecomte e outorgada unha mención especial a The Reptile Day, do inglés Tom Hickmore.
Entre as películas que competían na Sección Oficial estaban as tamén españolas A Hora Fría, escrita e dirixida polo canário Elio Quiroga, e REC, de Jaume Balagueró e Paco Plaza. Os filmes españois competiron con Chrysalis, do francés Julien Leclercq, a rusa Mechenosets, de Filipp Yankovsky, a finesa Jadesoturi, de Antti-Jussi Annila, ou a arxentina La Antena, de Esteban Sapir.
O cineasta americano George A. Romero, director de filmes coma A noite dos mortos vivintes, recibiu un prémio pola súa carreira e presentou o seu novo filme de zombis, Diary of the Dead.
Nesta edición do certame, que se celebrou do 12 ao 18 de novembro, rexistráron-se 12.000 espectadores, segundo os organizadores. O Festival Science Plus Fictión naceu en 2000 coa intención de continuar coa tradición do Festival Internacional de Cinema de Ciéncia-Ficción, que se celebrou en Trieste entre os anos 1963 e 1982.