ArtFutura 2011: repasando o futuro

916

Como cada ano por estas datas, chega ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo a XXI edición do festival de Cultura e Creatividade Dixital ArtFutura 2011, que este outono ten por titulo “Repasando o Futuro” para explorar os proxectos e as ideas máis importantes xurdidas no último ano no panorama internacional do new media e a cultura dixital.

Do seu programa audiovisual destaca o documental Connected de Tiffany Shlain (fundadora dos premios Webby), un fascinante traballo sobre a incidencia das novas tecnoloxías nas nosas vidas. O filme, que se presentou no Festival de Cinema Independente Sundance deste mesmo ano, estréa-se en ArtFutura en versión orixinal subtitulada.

Ademáis de Connected, ArtFutura 2011 ten como protagonista especial un dos novos documentais sobre cultura dixital: Press, Pause, Play. Así como a nova obra de animación de Rosto (The Monster of Nix) coas voces de Terry Gilliam e Tom Waits e música de The Residents.

Dentro do ArtFutura Show poderemos ver unha selección comisariada das mellores pezas de animación 3D producidas no mundo durante o último ano, que inclúe traballos de Alister Lockhart, Damian Nenow, Tolga Ari, Markus Wagner e as dúas obras máis premiadas nos festivais de 2011: Flamingo Pride de Tomer Eshed e Paths of Hate  de Damian Nenow/Platige Image.

Nesta edición, ArtFutura ten convidado a Roberto Barrueco, director e fundador de Mecal, Festival Internacional de Cortometraxes de Barcelona, a presentar unha selección de vídeos que recollen algunhas das obras máis creativas do último ano no ámbito do videoclip. O seu programa percorre as novas tendencias visuais, estéticas e gráficas do panorama internacional, cos traballos de Scissors Sisters, Unkle, Moray McLaren, The Temper Trap, Massive Attack e Björk.

E finalmente, cómpre salientar o Futura Graphics, que incluirá as pezas máis destacadas do motion graphics e a creación dixital recentes. Cada peza é un alarde de dirección de arte e en todas elas hai unha intención de experimentar coa linguaxe, a estética ou a técnica, con traballos de David O’Reilly, Rusell Weekes, Chris Milk, Olivier Babinet, Sergio Saleh, Dvein e outros.