Os cascos da Guerra das Galáxias

863

Os cascos da Guerra das Galáxias A Lucasfilm Ltd. e mais o deseñador de accesórios de teatro e vestiário inglés Andrew Ainsworth reclamaron a vitória para cadanseu bando cando o pasado 31 de xullo comunicou-se a sentenza pola batalla legal polos cascos dos soldados do Império da Guerra das Galáxias.

A empresa de George Lucas demandara a Andrew Ainsworth, o creador orixinal dos devanditos cascos para o filme orixinal de 1977, acusándo-o de vende-los pola Internet mália que o copyright pertence á Lucasfilm.

Anthony Mann, un xuiz do Tribunal Supremo de Inglaterra, dictou que Ainsworth violou os dereitos de autor da Lucasfilm nos Estados Unidos por vender os cascos naquel país. Pero ao mesmo tempo, rexeitou que a orde de prohibir a Ainsworth vender os cascos se puidera aplicar no Reino Unido (en 2006 un xulgado de Califórnia prohibira a Ainsworth vende-los). O xuiz dixo que as vendas de Ainsworth nos Estados Unidos, que equivalen a uns 30.000 euros, non eran abondo importantes como para obrigar-lle a cumprir unha orde dun tribunal estranxeiro.

O xuiz tamén rexeitou unha petición da Lucasfilm na que esixía a Ainsworth que recoñecera que o copyright dos cascos pertence á Lucasfilm. O xuiz decretou que baixo as leis inglesas, o copyright sobre os cascos xa expirou. O avogado de Ainsworth, Seamus Andrew, dixo que agora o seu cliente é libre de seguir vendendo os cascos en todo o mundo agás nos Estados Unidos.

O xuiz Mann rexeitou asemade a demanda de Ainsworth na que pedía que se lle recoñecese que el é o dono do copyright sobre os cascos.