George Lucas ven de revelar que xa escomezaron os traballos prelimiares de investigación para o argumento do que pdoería ser unha quinta parte da saga de Indiana Jones, pero engadiu asemade que tal filme é só ún entre dúcias de potenciais proxectos nos que está a traballar a súa equipa.
“Vai ficar nos andéis aí coma un máis entre 50 proxectos cos que teño que traballar“, desvelou Lucas nunha entrevista o pasado 4 de agosto no seu rancho Big Rock en San Rafael, Califórnia, onde estaba a promocionar o vindeiro filme de debuxos animados xerados por computador Star Wars: The Clone Wars. “E se podo atopar unha história…“.
Pero Lucas engadiu: “É moi difícil atopar histórias para iso. Xa sabes, é realmente imposíbel. Porque ten que ser real. Ten que ser algo que acontecera realmente. Ten que ser algo que a xente coñeza. Ten que ser sobrenatural. É un proxecto de investigación realmente complicado. No que están a traballar agora. Xa sabes, a última vez levou 14 anos. Así que…“.
Lucas refería-se deste xeito ao cuarto filme de Indiana Jones estreado este verán co subtítulo de O Reino da Caveira de Cristal, que estivo en desenvolvemento durante máis dunha década antes de que as pezas encaixasen.
En anteriores roldas de prensa, Lucas dixera que os tres protagonistas – el mesmo, o director Steven Spielberg e a estrela Harrison Ford – teñen que se poñer de acordo na ideia para que o quinto filme saia adiante. Tamén comentara que Spielberg está máis disposto á ideia dunha quinta entrega do que o estaba para a vez anterior.